Lugo, 19 de maio de 2019. O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, puxo hoxe en valor en Lugo o traballo que desenvolve a Plataforma da Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Xunta, para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da utilización da madeira na construción, impulsando así a industria forestal e a bioeconomía circular na Comunidade. Neste eido, e no marco dun convenio de colaboración dotado con máis de 517.000 euros, dos cales a Xunta achega 389.000, Pemade e Xera desenvolverán ata 2022 diferentes actuacións de investigación, formación e divulgación.
Na súa intervención, Ignacio Lema sinalou que estes traballos van en liña cos obxectivos de desenvolvemento sostible recollidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas. Apuntou que a utilización da madeira local na construción, que tamén se recolle como un ámbito prioritario de actuación na Axenda da Industria Forestal, permite promover unha actividade industrial inclusiva e integradora asentada no rural, e xera valor aos propietarios forestais.
Do mesmo xeito, o director de Xera destacou a sustentabilidade dos produtos realizados en madeira, que a través da fixación de carbono permiten mitigar o cambio climático, e sinalou entre as vantaxes da construción neste material a creación de espazos saudables e o impacto positivo no benestar das persoas, ademais da súa contribución á mellora da eficiencia enerxética.
O director de Xera apuntou que, para servir de exemplo, a Xunta está a impulsar o uso da madeira en edificios públicos como no caso das fiestras na remodelación do edificio administrativo de San Caetano, ou no centro de saúde da Laracha.
No ámbito da innovación, ademais do traballo que desenvolve o CIS Madeira, Ignacio Lema referiuse á Unidade Mixta Eixo, na que participan a empresa madereira Finsa e a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), coa colaboración da Xunta. Esta iniciativa busca mellorar os procesos de transformación da madeira e desenvolver novidosos produtos e sistemas construtivos de baixa pegada de carbono para a súa aplicación nunha construción eficiente enerxeticamente.
A través da Axenda da Industria Forestal, deseñada conxuntamente entre a Administración e os actores protagonistas (empresas e centros de coñecemento), búscase potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, priorizando a dinamización económica e do entorno rural, e buscando xerar empregos que permitan tamén a fixación de poboación. A execución desta Axenda mobilizará 125 millóns de euros ata 2021, prestixiando esta industria para posibilitar novos mercados e o acabamento de novos produtos, incorporando as tecnoloxías específicas máis avanzadas, e mellorando a formación dos traballadores do sector para garantir a súa profesionalización. Trátase así de conseguir que a madeira e os produtos forestais actúen como o elemento central de impulso á bioeconomía.