Burela, 18 de novembro. O BNG sae reforzado das eleccións na mesa U do Perdouro e acada tres actas.
Os nacionalistas fan unha valoración moi positiva dos resultados acadados este domingo na repetición electoral do Perdouro e agradecen aos veciños e veciñas que novamente deron o seu apoio ao BNG.
Aínda que se trataba dunha cita atípica que ben se podería ter evitado, o resultado podía variar por cuestión de poucos votos e desvirtuar o resultado de maio, mais o BNG foi quen de manter a representación acadada hai 6 meses e mesmo obter un incremento dun punto porcentual con respecto a maio, a pesar dunha baixada da participación de 16 puntos na mesa U. Neste sentido, desde as filas nacionalistas entenden que a veciñanza volveu apostar polo BNG, porque é sinónimo de confianza e seriedade e porque é un valor seguro á hora de defender os intereses do conxunto dos veciños e veciñas de Burela.
O BNG será chave na conformación do goberno.
Por outra banda, sinalan desde a formación frontista que o voto ao BNG representa a vontade dos burelaos e burelás de pór fin a catro anos de maioría absoluta do PSOE e por teren un goberno municipal máis plural. Neste sentido, o portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, adiantou que o grupo municipal nacionalista actuará coa máxima responsabilidade e lembra ao Sr. Llano que condicionará o seu apoio en base a aspectos programáticos e áreas de goberno.
“A veciñanza de Burela volveu falar e dixo por segunda vez en seis meses que non quería un goberno monocolor e que o BNG tiña que ter presenza e ser decisivo na configuración do goberno municipal os próximos catro anos” concluíu Pillado.