A volta do BNG ás Cortes do Estado, con case 120.000 votos (26.000 máis ca en abril) ten o mérito indubidábel de superar o ferreño marco estatal (crise catalá, total falla de presenza nos media estatais…) no que se desenvolveron as eleccións e de lle pechar o camiño á representación parlamentaria de Vox. Galicia, Euskadi, Nafarroa e Catalunya, son os territorios do Estado nos que os extremistas acadan menos votos.
A este relativo suceso contribuiron o acerto táctico da dirección do BNG e máis o reactivamento das súas bases orgánicas. Mais tamén son evidentes as achegas exteriores: pacto político con CXG, renuncia de En Marea a se presentar, chamada ao voto de persoas antes vencelladas co BNG e En Marea… O voto ao BNG foi percebido como voto útil, mesmo como voto imprescindíbel, por milleiros de votantes alleos ao BNG.
O empate técnico entre PP e PSdeG e máis a diferenza na Galicia entre votos progresistas e conservadores (54,4% fronte ao 43,1%) amosan ben alicerzadas probabilidades de acadar a precisa remuda na Xunta no 2020, substituíndo ao dependentismo e ineficacia do PP por un Goberno plural de progreso. Unha remuda, porén, que non está para nada garantida e precisará sempre de moita intelixencia e sentidiño.
Cun limiar mínimo do 5% para acadaren representación parlamentaria semella que non hai espazo para que os distintos sectores do soberanismo e do galeguismo alleos ao BNG poidan formular unha candidatura independente deste. Os tempos esixen unidade electoral para maximizar o pulo desta onda e converter o soberanismo nunha peza esencial da ecuación plural do futuro Goberno e non nunha mera achega secundaria.
Mais é factíbel alargar organicamente o BNG para recoller todos estes sectores? Nin factíbel nin, quizais, desexábel. Falamos de organizacións nacionais (En Marea, CXG) e locais de goberno- presente ou pasado. e de centos, senón milleiros de persoas independentes que pensan dende unha cultura política non oposta, mais si diferente á da fronte nacionalista actual.
Ben farían estas persoas e organizacións en ser conscientes da súa irrelevancia por separado e da súa importancia por xunto converxendo nunha grande plataforma que puidera concorrer canda o BNG ás nacionais de 2020. Unha plataforma que tiuver por horizonte post 2020 a súa probábel conversión en partido de seu con capacidade de garantir na coalición soberanista resultante o espazo de centroesquerda hoxendía aínda refractario ao BNG.