Santiago de Compostela, 14 de novembro do 2019. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclama un programa de recollida e reciclaxe de residuos mariños. Vilán presentou unha proposición non de Lei que inclúe a posta en marcha de “campañas de información e sensibilización a tal fin”.
A proposta busca fomentar, a través de incentivos económicos, que “cando os mariñeiros atopen residuos nas súas redes, os devolvan a terra para seren reciclados”. A proposición non de Lei presentada por Vilan propón para iso a reserva dunha “partida orzamentaria específica para o exercicio 2020”.
Esta reserva estará destinada, explica, á recollida de residuos mariños e, tras a posterior recollida dos mesmos, á elaboración dun “plan específico para a reciclaxe de todos os obxectos recollidos, xa sexan redes, cordas, plásticos, latas ou outros residuos”.
Como complemento a este plan, Vilán aposta pola posta en marcha de “campañas de información e sensibilización a tal fin”. Subliña que “é necesario acompañar a posta en marcha do plan cunha campaña de concienciación sobre a emerxencia climática que sufrimos”.
O socialistas lembran que “a UE é o segundo maior produtos de plásticos do mundo”. Falando con datos concretos, “cada ano 8 millóns de toneladas de plástico chegan a mares e océanos”, seguindo as declaracións do Foro Económico Mundial, en 2050, “no mar haberá máis plásticos que peixes”.
Ademais, o risco non é só medioambiental, a comunidade científica advirte dos riscos para o home “polo paso de microplásticos a través das cadeas alimentarias”. O 9 de xullo deste ano, o Pleno do Parlamento xa aprobara por unanimidade unha proposición non de lei tamén proposta polo grupo socialista para “reducir a presenza de residuos mariños nas praias e fondos mariños de Galicia”.
A grave situación dos nosos mares fai que a proposición do 9 de xullo non sexa suficiente, dixo Vilan, e recalcou que “hai países que xa están a avanzar moito máis, desenvolvendo programas de recollida e recuperación de residuos mariños”. Neste contexto, menciona o éxito da organización grega “Enaleia”, que sitúa como “todo un referente”.