Outra xornada postelectoral. A terceira nun ano. Non sei moi ben se o luns espertamos no ano 1936, como andan a pregoar as redes sociais, ou no ano 2019, como me marca o calendario. Pero o que si teño claro é que en Galiza padecemos o coñecido en psicoloxía como Síndrome de Estocolmo.
Semella que canto máis nos menosprezan os políticos estatais, máis lles damos; canto máis invisibles nos fan cos seus feitos, máis visibilidade lles damos cos nosos votos; canto máis nos ningunean, máis os queremos; e canto máis nos rouban, máis lles aplaudimos. Dá igual a cor da garabata que vistan. Tanto ten.
Parece tamén que temos medo a saír da burbulla do PP, como se este partido estivera a beneficiarnos constantemente e non estivese a facer unha xestión política pésima do noso país. Lémbrome agora da suposta pésima xestión no accidente do Alvia por parte da deputada galega Ana Pastor, a deficiente xestión da sanidade galega (sobran motivos na Mariña) e do resto de servizos públicos, ou as privatizacións da industria a prezo de saldo que tanto nos está a pesar nestes tempos. Canto evolucionamos nos anos que levamos de democracia? De verdade que non se precisan cambios substanciais?
Cambiando de temática, a xornada do domingo viña sendo a “crónica de una muerte anunciada”. Unha carreira electoral marcada pola propaganda da exhumación do cadáver dun ditador que estaba máis presente na sociedade do que pensabamos e un procés excesivamente duro que ameazaba, segundo unha gavela de políticos, a sacrosanta unidade de España. Estes dous ingredientes, sumados ao cansazo dunha segunda cita electoral, propiciou o auxe da extrema dereita española nunha xornada marcada novamente polas desigualdades: facilitar o voto aos corpos de seguridade desprazados a Cataluña, si (que tamén están no seu dereito), pero sen facer o mesmo cos máis de dez mil mariñeiros de altura que, coma sempre, volveron ser os grandes esquecidos. Non vale o mesmo o voto dun mariñeiro ca o meu? Non teñen o mesmo dereito? O certo é que, cando non interesa, a democracia española resíntese.
A cara amable desta volta foi a representación sacada polo nacionalismo galego. O BNG foi o segundo partido que máis medrou en Galiza en comparación coas anteriores eleccións. En concreto, máis de 25.000 votos de mellora e un escano arrebatado á extrema dereita que, ademais, representa a vontade dun pobo que quere ser e estar. Un pobo que rexeita totalmente o fascismo. Faise necesario manter e fomentar esta crecente simpatía de cara ás eleccións autonómicas do 2020 coa complicidade do bo traballo da executiva nacional encabezada por Ana Pontón.
Normalmente non faría publicidade gratis de Vox, pero os galegos e galegas a parte do Síndrome de Estocolmo, padecemos tamén perdas de memoria selectivas. Normalmente tamén, son de respectar todas as ideoloxías políticas pois aposto sempre en que o fundamental para unha democracia está na diversidade de toda índole, mais nunca serei cordial con aqueles partidos que ameacen contra os meus dereitos e liberdades e contra os de aqueles colectivos que son fonte de variedade no noso país. NUNCA, en maiúsculas.
Cando un galego vota a Vox pola inmigración, está a votar contra todos nós, contra os nosos familiares que emigraron cara a América ou Centroeuropa. Cando unha galega vota a Vox, está a votar contra os dereitos que as súas bisavoas reclamaron e polos que loitaron un século atrás. Cando un galego vota a Vox, está a votar contra a súa historia cultural, lingüística e contra si mesmo.
Semella que non aprendemos dos erros do pasado e este resultado debería servirnos de aliciente para próximos comicios electorais. No continente europeo, e en concreto no Estado español, temos un pasado fascista do que as persoas de ben non se senten orgullosas. Penso que a maioría coincidimos no nefasto que foron eses anos para os dereitos e liberdades en xeral, e sobre todo para as mulleres. Algo deberiamos ter aprendido, pero seica somos os únicos animais capaces de tropezar dúas veces coa mesma pedra. Animaliños!