Ribadeo, 11 de novembro de 2019. O Concello de Ribadeo saca a licitación o Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia, por un prazo de dous anos máis posible prórroga doutro. O orzamento para 2020 e 2021 ascende en total 1.047.000 euros e as empresas interesadas dispoñen ata o 28 de novembro para presentar as súas ofertas. Serán 33.000 horas as que teña que prestar e deberá ofrecer servizos de podoloxía, fisioterapia e perruquería a domicilio. Na actualidade o SAF na modalidade de dependencia conta con 52 usuarios e usuarias en Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que “desde o Concello de Ribadeo nestes días estamos coa licitación pública dun contrato moi importante, que estaba vencido xa desde había algún tempo e que era necesario que volvésemos a sacalo en licitación pública. Non é nin máis nin menos que o servizo de axuda no fogar na súa modalidade de dependencia, que o estamos sacando a licitación pública por un período de dous anos máis un de posible prórroga e cun prezo do contrato global de 1.047.000 euros, basicamente uns 523.000 euros previstos para o ano 2020 e outro tanto para o ano 2021”.
O rexedor explicou que “é un contrato que engloba 33.000 horas anuais, aproximadamente 2.750 horas ao mes, e sacámolo a un prezo tipo de 15´25 euros por hora máis IVE, o que significa unha actualización importante dos 12´8 euros que estábamos pagando agora. No día de hoxe temos 52 usuarios e usuarias neste servizo sen prexuízo de que se poida ampliar. Hai que lembrar que contempla todo tipo de atencións de carácter persoal, de necesidades domésticas e mesmo tamén atención de carácter psicosocial para toda esta xente que o necesita. Vai cunhas atencións complementarias desta volta con actividades de acompañamento, de servizos de podoloxía, de fisioterapia e tamén de perruquería a domicilio”.
Suárez Barcia subliñou que “neste novo contrato, o seu importe está baseado basicamente en gastos de persoal, polo que ten un incremento importante porque se adapta á nova lexislación da lei de contratos que agora é máis garantista para os propios traballadores do servizo, no senso de que cobrarán segundo os convenios colectivos e que as baixas que as empresas poidan facer non poden ir contra eses dereitos laborais. Ademais de que o número de horas vai ser incrementado con respecto a outros contratos, tamén agora, no que ten que ver para os traballadores, se vai adaptar aos convenios aplicables, garantíndolles incluso cobertura de vacantes, de baixas, de vacacións e de desprazamentos, por exemplo. Pero por outra banda tamén é importante para os usuarios porque agora se prevé unha bolsa de horas máis grande, agora vai haber unha bolsa dun mínimo de 600 horas a maiores e imos contar con servizos adicionais de podoloxía, de fisioterapia, de perruquería, etc…”.
O alcalde engadiu que “todas aquelas empresas cualificadas que se queiran presentar a este contrato, teñen toda a información publicada na plataforma de contratos do Estado e teñen de prazo ata final deste mes de novembro, concretamente ata o día 28, para presentar as ofertas que consideren convenientes”.