Lugo, 11 de novembro de 2019. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, xunto ao Alcalde de Muras, Manuel Requeijo Arnejo, e o tenente de alcalde, Mario Rouco, presentaron este luns,na praza do Viveiró, a V Feira do Mel de Montañas de Muras.Este encontro gastronómico que terá lugar esta fin de semana no concello de Muras contará con postos de venta de mel,concursos de calidade, música, degustacións gratuítas, obradoiros para menores, artesanía e ata cunha excursión micolóxica. Tamén contará cunha xornada técnica e formativa dirixida a mellorar a profesionalización na apicultura e o control sanitario das explotacións apícolas. A Deputación colabora con este evento cunha achega de 4.000 euros para contribuír a poñer en valor os produtos autóctonos e tamén a desestacionalizar o turismo.
O Deputado de Participación Cidadá salientou que “colaborando con iniciativas como a Feira do Mel de Montañas de Muras contribuímos a potenciar un produto de primeira calidade da nosa provincia, elaborado no corazón da Serra do Xistral, e que constitúe un importante complemento para o sector agrogandeiro desta zona. Con esta cita gastronómica, na que en edicións anteriores participaron unhas 3.000 persoas, tamén dinamizamos a economía e o turismo deste Concello da Terra Chá”.
Programa
A V Feira do Mel de Montañas de Muras arrancará o sábado cunha saída micolóxica dirixida por un dos maiores expertos mundiais en cogomelos, Jose Manuel Castro Marcote, desde as 8:00 ata as 14:00 horas. Pola tarde celebrarase unha xornada técnica e formativa que contará cun concurso de calidade para elixir o mellor mel de Muras. A asistencia é libre e gratuíta nas probas desta cata, que se celebrará no Restaurante Picapan Casa Vituco a partir das 16:00h.A continuación, ás 18:45h, o veterinario da Asociación de Apicultores Profesionais de Asturias -ADSG PROMIEL-, Carlos Martín Barcaiztegui, ofrecerá unha charla sobre a profesionalización na apicultura e o control sanitario das explotacións apícolas.Ás 20:15h, intervirá José Manuel Castro Marcote presentando unha exposición de cogomelos. Ás 20:30h haberá degustación gratuíta de lacón e queixos, que rematará coa actuación musical do Dúo das Estrelas.
O domingo abrirán os postos de venta de mel na praza de Viveiró de Muras a partir das 10:30h. Ás 12:00h terá lugar un obradoiro para menores e unha mostra de xantares e degustación a cargo do chef Antonio Díaz. Entre as 14:00 e as 15:30h, Rocío Varela realizará unha actuación musical. Ás 16:00hterá lugar un obradoiro de cociña para nenos e nenas. A feira rematará ás 18:30hcoa entrega dos premios do concurso de mel.