Lugo, 11 de novembro de 2019.- A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, oferta case un cento de accións formativas (96 en total) en 19 municipios lucenses dirixidas aos profesionais do sector agrario, forestal e gandeiro, nas que poden participar arredor de 2.000 persoas -cunha media de 20 prazas en cada unha-.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe a programación que se está a desenvolver neste segundo semestre do ano, e subliñou que se trata dunha oferta de cursos “cen por cen gratuíta e descentralizada, para evitar desprazamentos e incentivar a asistencia”.
“Cumprimos así un dos compromisos adquiridos polo Goberno de Galicia cos homes e mulleres profesionais do medio rural -sinalou-, achegar a formación aos interesados aforrando custos económicos e tempo”.
A Xunta multiplica notablemente os cursos que se imparten na provincia de Lugo, programando máis de 2.000 horas de formación. “A importancia do sector agrícola e gandeiro en Lugo así como a evolución e especialización da agricultura, da silvicultura e da gandaría debido aos cambios, tecnolóxicos e ambientais, esixen un nivel axeitado de formación no sector ao que se pretende dar resposta con esta iniciativa”, indicou Balseiro.
A temática é variada e vai dende os cursos sobre manexo de produtos fitosanitarios ata os orientados a adquirir coñecementos sobre benestar animal, sobre xestión da empresa agraria, manexo de maquinaria, sensibilización ambiental, ou cursos especializados promovidos en colaboración cos consellos reguladores de calidade diferenciada –como os queixos do Cebreiro ou de San Simón da Costa-.
Tamén hai cursos tecnolóxicos, como os orientados ao manexo da Oficina Agraria Virtual ou da Sede Electrónica da Xunta, que adquiren especial relevancia dado que cada vez son máis os trámites que os profesionais do medio rural deben realizar por medios electrónicos.
Os cursos impártense nos centros de formación agroforestal da Consellería do Medio Rural de Becerreá, Ribadeo e Monforte, nas oficinas agrarias comarcais ou en dependencias administrativas dos servizos veterinarios oficiais.
A relación de accións formativas e as características de cada unha poden consultarse na páxina web da Consellería do Medio Rural.