Ribadeo, 4 de novembro de 2019. O alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Obras, Mónica Freire, supervisaron hoxe os traballos que se están a acometer na rúa Pintor Fierros. Esta actuación conta cun orzamento de 103.000 euros, que cofinanciarán o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, e un prazo de execución de dous meses. A edil asegurou que as obras marchan a bo ritmo.
Mónica Freire declarou que “nos atopamos na rúa Pintor Fierros facendo un seguimento a esta obra a través da que imos acometer unha renovación do pavimento. Faremos un aglomerado completo de toda a superficie ao mesmo tempo que imos colocar unha nova sinalización e papeleiras. Faremos tamén un novo pintado do vieiro e melloraremos o entorno coa colocación de árbores”.
A concelleira de Obras engadiu que “desde o Concello estamos a intentar que as molestias que se poidan causar aos veciños sexan as mínimas con esta obra, manexando un tempo de execución máximo de dous meses, e o que podemos comprobar hoxe é que as obras van a bo ritmo e estarán rematadas dentro dese prazo máximo”.
Freire engadiu que “esta obra conta cun orzamento de algo máis de 103.000 euros, que se cofinanciará entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente”.