Lugo, 30 de outubro, 2019. O vicevoceiro do PP na Deputación e líder desta formación en Foz, Javier Castiñeira, en resposta á petición dos veciños e do alcalde de Riotorto, trasladou á Deputación a necesidade de arranxo por parte desta administración da estrada 4404. Concretamente, o popular urxe ao responsable de Vías e Obras -área que dirixe o propio presidente provincial- a mellora desta vía debido ao mal estado no que atopa, constituíndo así un risco para os usuarios.
Castiñeira, quen en días pasados supervisou as deficiencias que presenta, acompañado do alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, considera que o dirixente socialista “debe tomar unha decisión en positivo” respecto desta arteria de comunicación, pois o treito comprendido entre os puntos quilométricos 11,5 e 18 “está totalmente intransitable”.
O vicevoceiro indica, ademais, que esta petición “non é só do PP, é de todos os veciños e incluso da Corporación”. Concretamente, todos os grupos políticos deste municipio aprobaron por unanimidade dirixirse á Deputación con este mesmo fin. E é que se trata dunha estrada que comunica núcleos de poboación importantes como son Riocabo, Aldurfe e As Rodrigas.
“Eu mesmo o puiden ver en persoa. O Sr. Tomé ten que exercer a súa responsabilidade. Para iso se adxudicou a xestión da rede viaria provincial. Cremos que pedimos algo xusto, pois os propios compañeiros de Partido están en consonancia co rogo que presentamos na Deputación”. Por este motivo, e porque se trata dunha demanda reiterada dos veciños de Riotorto, Javier Castiñeira agarda que o presidente “dea as instrucións oportunas, xa que gobernar é tomar decisións; non é só vir a Lugo e, de cando vez, sacarse algunha que outra foto para xustificar o cargo”, conclúe.