Burela, 24 de outubro, 2019. Os populares da provincia de Lugo, sempre do lado dos mariñáns, participaron na terceira das concentracións que se celebra na comarca en defensa de Alcoa e do emprego nesta planta. Dende Burela, representantes do PP lucense urxiron aos alcaldes do PSOE a urxir ao Goberno de Sánchez a ofrecer solucións para a fábrica ante “unha situación crítica para miles de familias da comarca” e “que empeora co paso dos días” e puxeron de exemplo “ao Executivo de Feijóo, que ten feito chegar aos partidos políticos do ámbito nacional as liñas básicas que debe conter o agardado estatuto electrointensivo”.
Así mesmo, critican que “os alcaldes socialistas da Mariña non se teñan posicionado claramente sobre este problema e se manteñan de perfil”; mentres que son os populares os que lle esixen ao Goberno do PSOE que adopte as medidas necesarias para darlle solución. “Os alcaldes do PSOE, que pedirán o voto para Sánchez na vindeira campaña das eleccións xerais, deberían estar a reunirse coa ministra e co presidente en funcións para buscar solucións para a comarca”, engadiron. Igualmente, sinalaron que o PSOE da nosa provincia “chega tarde” presentando nas distintas institucións onde gobernan iniciativas en defensa de Alcoa.
A concentración celebrada en Burela é a primeira que se desenvolve despois de que Alcoa avanzara a aplicación dun novo plan de axuste que inclúe o peche dalgunhas das súas plantas. “O elevado prezo da enerxía supón unha ameaza para a planta mariñá debido a que impide á fábrica de San Cibrao competir en igualdade de condicións que o resto da industria europea” e, polo tanto, “sitúaa á cola das fábricas de Alcoa en rendibilidade”.
Para os populares “queda aínda máis claro que o problema da planta mariñá é o alto prezo eléctrico” e, polo tanto, reclámanlle á ministra de Industria que ensine o borrador do estatuto das industrias electrointensivas” ante a necesidade por fixar un prezo eléctrico competitivo e estable para o tecido industrial.
Falta de palabra da ministra de Industria
Lamentan, así mesmo, que “a ministra do PSOE aínda non teña convocado a reunión que se comprometera a manter co comité de empresa para amosarlles os avances sobre o estatuto” durante a súa visita ás instalacións de San Cibrao. É dicir, “a ministra socialista falta á súa palabra” e continúa na mesma liña que amosou cando veu de visita á planta cervense onde “nin adquiriu ningún compromiso cos traballadores nin avanzou o contido do agardado estatuto”; senón que “veu á provincia dar un paseo, pero a sociedade lucense agarda e merece moito máis dun membro do Goberno de España”. Os populares recordan tamén que “xa fai un ano que anunciara o estatuto electrointensivo; pero aínda seguimos agardando mentres os traballadores e toda a comarca no seu conxunto suman días de preocupación”.
O Executivo de Feijóo toma a iniciativa
“Co obxectivo de desbloquear esta situación, foi o Goberno galego o que elaborou en consonancia co que defende o comité de empresa, unhas liñas básicas que debe recoller o Estatuto e que xa foron enviadas aos partidos políticos a nivel nacional”. Poñen así en valor os populares da provincia de Lugo “o traballo do Executivo de Feijóo para aportar solucións fronte aos reiterados incumprimentos do Goberno do PSOE”.
O Executivo galego propón medidas de carácter fiscal, como a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores, sexan grandes empresas, pemes ou particulares; e a supresión do céntimo verde ao carbón. Pero tamén reducir cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso pensando en axustar os custos de transporte ao resto de países europeos. Entre as liñas básicas na procura dunha solución sinalan tamén a ampliación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 e o fomento da contratación a longo prazo de enerxía eléctrica, de tal maneira que o consumidor poida asegurar o seu prezo do mercado eléctrico para un determinado volume. Ademais, recóllese como necesidade irrenunciable a incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo.
Os populares lucenses apoian todas estas medidas que, “sumadas á poxa de interrompibilidade, permitirían á industria galega competir en igualdade de condicións co resto de Europa, situando o prezo do MW entre os 35 e os 40 euros. Xa que o Goberno non está cumprindo coas súas obrigas, agardamos que con este Estatuto que propón a Xunta de Galicia faga dunha vez os seus deberes”, conclúen.