Compostela, 22 de outubro, 2019. A Formación Profesional é unha saída importante á actual crise industrial que sofre Galicia, sempre que esta formación estea complementada por unha territorialización das especialidades e tamén das axudas a inversión e asentamento de empresas.
No marco da acción política de CxG vimos mantendo xuntanzas coas distintas patronais galegas e observamos a necesidade empresarial de dar formación a novos sectores e nichos de emprego. Compromiso entende que dende a Xunta non se está actuando de forma eficiente co que pode ser unha boa resposta para a crise demográfica. “Os galeguistas entendemos a implantación dunha FP innovadora como unha oportunidade de acción para frear o despoboamento, a implantación dun mapa estratéxico de novas FP en poboacións do interior, beneficia en dous niveis: atraer estudantes e fixar inversión en relación as oportunidades do rural galego, dando unha nova vida as vilas que perden poboación” dixo Piñeiro Docampo, secretario xeral de CxG.
A proposta presentada no Parlamento pide:
Que o Parlamento inste á Xunta de Galicia a dar importancia á Formación Profesional regulada cun mapa de implantación e a Formación continua con itinerarios acorde á nosa economía futura, non presente, porque ese é o actual fallo, carecer dun plano de acción a longo prazo.
Que as Consellerías responsables aposten dende a Xunta pola atracción de industrias de transformación manufactureiras modernas que son as precisan máis persoal, investindo axudas para aquelas que contraten galegos censados con máis de un ano de antigüidade, asentando a poboación. Aproveitando a infraestrutura e posición portuaria galega como porta de entrada a Europa. As axudas teñen que ser a todo nivel: solo industrial, axuda á contratación, rebaixas fiscais, redución do coste enerxético
Esperamos unha resposta positiva por parte da Xunta, e tamén pedimos a defensa no Parlamento da iniciativa por parte dos grupos progresistas.