Ribadeo, 21 de outubro de 2019. O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz Freije, fai un balance moi positivo da acollida que están a ter as escolas deportivas que organiza o Concello. Nas doce que se ofrecen durante o inverno inscribíronse 447 nenas e nenos. E nas cinco que houbo no verán participaron 94 rapaces.
O edil nacionalista dixo que “ven de pecharse o prazo de inscrición das escolas deportivas de inverno, que son 12 especialidades e en total, entre nenos e nenas, hai 447 inscritos. E nas escolas de verán contaron con 94 participantes en total, repartidos entre as 5 especialidades que houbo. Polo tanto en total, entre as de verán e as de inverno, hai arredor 540 alumnos e alumnas”.
As modalidades das escolas deportivas de inverno que se están a impartir son: atletismo, baloncesto, fútbol, fútbol sala, hoquei liña, natación, pádel, patinaxe, rugbi, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica. O inicio tivo lugar entre o 16 de setembro e o 15 de outubro e o remate será entre o 16 de maio e o 15 de xuño. Están destinadas a nenas e nenos nados entre os anos 2006 e 2015.
Díaz Freije fixo un balance positivo “porque todos os anos se apuntan máis nenos e nenas nestas escolas do Concello de Ribadeo, hai diversificación no amplo abanico de modalidades de deportes que temos, que abranguen cada día máis especialidades. Quero seguir animando a eses nenos e nenas, e aos pais e nais, para que fagan deporte”.
Gala do Deporte
Xa hai data para a celebración da VI Gala do Deporte do Concello de Ribadeo. O concelleiro do ramo subliñou que “este ano vaise celebrar a sexta Gala do Deporte o 31 de outubro, xoves, ás oito da tarde no pavillón polideportivo que está na Avenida de Luarca. Daranse, como sempre, medallas e trofeos a todo eses nenos e nenas que durante o ano participaron e distintos eventos e campionatos e tiveron unha significación diferente ao resto”.
Para Jorge Díaz Freije “o deporte é unha base importante na educación”.