A primeira crítica á sentenza do procès do Tribunal Supremo (TS) é a extrema duración das penas de prisión impostas aos nove presos e presas soberanistas cataláns: entre 9 e 13 anos de prisión. Moi superiores ás impostas a todos os condenados no 1983 polo 23-F, agás Tejero, Miláns e Armada, tendo en conta ademáis que aquelas eran redimíbeis parcialmente e éstas non.
Os presos políticos foron absoltos do delicto de rebelión, ao considerar que as súas fins non eran de subversión constitucional. Mais deste xeito ceden os argumentos de gravidade delictiva para manter a prisión preventiva todo este tempo e para inhabilitar “preventivamente” como deputados estatais a algúns dos procesados por rebelión presos (artigo 384 bis Código Penal). Porén, o máis grave foi a atribución da competencia ao TS no canto do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC), competente polo aforamento dos acusados. Se chega resolver o TSJC, os condenados terían dereito a unha segunda instancia de revisión, garantía da que agora non desfrutan. Manda truco, porque xusto a competencia do TS baseouse na trascendencia estatal dos feitos axuizados, por mor desa suposta agresión constitucional que agora desbotou o TS.
Ver un delicto de sedición nos feitos do 20-S 2017 (supostamente dirixidos a impedir un rexistro xudicial na Consellería de Economía) e nos do 1-Ou (supostamente dirixidos a impedir a orde xudicial do TSJC de suspensión do referéndum) é tan discutíbel como que o rexistro do 20-S levouse adiante, sen ningunha caste de violencia física e como que a orde do TSJC ordenou proporcionalidade no seu cumprimento, que foi a que desenvolveron os Mossos para pechar un grande número de mesas. Se existiu violencia nas mesas electorais do 1-Ou foi pola ilegal desproporcionalidade despregada polas policías ao mando do Goberno Rajpy no cumprimento desa orde. Violencia arestora investigada en varios xulgados da Catalunya.
Os presos políticos foron condeados, en realidade, por razóns políticas. Por convocaren sen ser competentes un referéndum. Mais esta conduta deixou de ser delicto no 2005, logo dunha reforma puntual do CP promovida por Zapatero.
Xa que logo, estamos diante dunha sentenza non xurídica, senón decidida en clave de política represiva. Nomeadamente grave no caso de Carme Forcadell, que nin convocou nada, nin dispuxo gasto ningún nin fixo máis que regular un debate político como presidenta dunha Cámara parlamentaria.