Ribadeo, 15 de outubro de 2019. O cineasta Óliver Laxe estivo en hoxe na vila. Nas dúas salas de Cine Ribadeo proxectouse a súa última película O que arde, premiada nos festivais de Cannes e de San Sebastián. Ao pase asistiron alumnado e profesorado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, do CIFP Porta da Auga e dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, ademais de usuarios do Centro de Día. Ao seu remate tivo lugar un coloquio con Óliver Laxe no que respondeu ás preguntas que lle fixeron os asistentes e no que o director tamén preguntou moito aos rapaces.
Óliver Laxe referiuse á súa vinculación con Navia de Suarna e coa casa onde discorre unha parte de O que arde: “meus país emigraron a París, nacín alí, pero íamos todos os veráns á aldea, e lembro ir moito a esa casa que era a máis alta da aldea, era a única onde se captaba a televisión, a casa da miña familia estaba abaixo de todo e non había nin tele. Teño bos recordos e é un sitio onde me sinto moi ben, teño ganas de pelexar por ese lugar. Agora mesmo non vive ninguén, pero estou con proxectos de desenvolvemento rural, imos facer unha escola de cine e temos proxectos de agricultura ecolóxica. Queremos traballar para que o rural viva e siga sendo un espazo que nos ensine as cousas, que nos fai crecer”.
Os rapaces tamén quixeron saber por qué un día decidiu ser director de cine: “cando era mozo era unha maneira de escaparme, vivía moito no meu mundo, gustábame moito imaxinar. Gústame moito a xente e o cine é unha maneira de achegarse a xente. Grazas a esta película puiden coñecer a Amador e Benedicta, que son fabulosos. Benedicta é incrible, unha muller de 84 anos e vistes a enerxía que ten e como camiña no monte. É unha mestra, aprendemos moitísimo dela, é unha xoia, dábaslle a man para camiñar no campo e ofendíase. Oxalá cheguemos á súa idade con esa dignidade que ten ela. Tamén gústanme moito as imaxes, gustábame pintar e a fotografía. Creo que o cine é a arte das imaxes, hoxe na televisión falan demasiado nas películas, non é cine. O cine comunica coas miradas, cos silencios, co misterio. As imaxes que vemos no cinema impactan no voso corpo, hai unha relación de misterio entre as imaxes e o corpo voso, non pasa pola cabeza, pasa polo corpo, polo corazón, e é un pouco o que intento explorar”.
O coloquio posterior á proxección da película durou preto dunha hora. Ao finalizar houbo tempo para as fotos e para as selfies con Óliver Laxe. Xunto a el estivo a concelleira de Cultura, Pilar Otero, quen hai uns días lembraba que “aínda que non estaba previsto que O que arde estivese nas salas de Ribadeo, tivemos o empeño desde a Concellaría de Cultura en traela ao igual que ocorreu noutras ocasións con A Esmorga e Sicixia, de Ignacio Vilar, xa que o que pretendemos é que o cinema galego teña unha presenza normal na carteleira que poden ver os ribadenses”.
O pase de O que arde para todo o público será o xoves, 17 de outubro, ás 20:30 horas en Cine Ribadeo. A cinta narra a historia de Amador cando sae do cárcere tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas luguesas, onde volverá convivir coa súa nai, Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas discorren ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un violento lume arrasa coa zona.