Viveiro, 11 de outubro de 2019. O Concello comezou a prestar o servizo de control da gaivota patiamarela en Viveiro en maio deste ano, estendéndose ata agosto e coincidindo coa temporada de cría. Este servizo foi realizado por unha empresa especializada que conta cos pertinentes permisos da Xunta de Galicia para o control poboacional da gaivota, para a retirada de niños, ovos e polos e a posterior xestións dos mesmo, cumprindo sempre as pautas que marca a Lei de Benestar Animal para este tipo de actuacións.
Grazas a esta iniciativa, atendéronse un total de 139 reclamacións causadas por gaivotas, coa seguinte distribución mensual: 86 en maio, 35 en xuño, 16 en xullo e 2 en agosto; houbo outras 15 reclamacións por distintas causas.
Realizáronse 307 visitas de actuación, motivadas por nidificación de gaivotas nos tellados e caída de polos en patios interiores, rúas…; a maior parte destas actuacións tiveron lugar dentro do casco histórico e aledaños, cun total de 198 actuacións; as restantes tiveron lugar en Covas (61 actuacións), Celeiro (29 actuacións) e Xunqueira (19 actuacións). Nestas visitas, accedeuse a 586 tellados e localizaronse un total de 356 niños, logrando resolver a totalidade das reclamacións interpostas e retirándose 550 ovos de gaivota, 166 polos -constatando que o nacemento de polos se viu minimizado polo comezo do servizo nas datas recomendadas- e 354 niños.
Viveiro foi o primeiro concello da provincia de Lugo en ofrecer este servizo e grazas a esta iniciativa, ademais da retirada de niños, ovos e polos referida, puido realizarse un censo actualizado da poboación de gaivotas, no que consta a existencia de 186 parellas nidificantes, das que 184 foron intervidas (retirándolle o niño, ovos e/ou polos).
Tendo en conta o éxito da actuación e que se trata dun servizo que precisa de continuidade no tempo para que estes primeiros resultados se poidan consolidar e mellorar, dende o Concello de Viveiro estanse realizando as xestións oportunas para continuar prestando este servizo nos vindeiros anos. Ademais, este concello ten intención de realizar no vindeiro ano un servizo de control poboacional da pomba común debido ás queixas veciñais existentes e á insalubridade xerada por esta especie nas zonas onde se instala.