Ribadeo, 9 de outubro de 2019. Do 11 de outubro ao 14 de novembro terá lugar o Ciclo de Músicas Comunais nas Parroquias, que organiza a Concellaría de Cultura coa colaboración da asociación A Tribo da Travesía. Serán catro actuacións que terán lugar nas igrexas de Ove e da Devesa, na escola de Cedofeita e no teleclube de Santalla. No acto de presentación que tivo lugar esta tarde na igrexa da Devesa participaron a concelleira de Cultura, Pilar Otero; o párroco Pepe Boullosa, a cantante Ugía Pedreira, e Eduardo Rodríguez, da asociación de veciños de Cedofeita.
A edil ribadense contou que “comezamos neste último trimestre do ano un pequeno ciclo de música nas parroquias que supón unha clara aposta pola programación cultural en territorios rurais que rodean e, ao noso modo de ver, enriquecen, a vila de Ribadeo. Xa comentamos en varias ocasións que tiñamos ganas de dinamizar socio culturalmente as nosas parroquias. Non só queremos mellorar a contorna desde o punto de vista de espazos ou infraestruturas, senón tamén a nivel social e cultural. Por iso apostamos pola arte en comunidade, pola arte ao pé de rúa, entre xente de a pé, do noso arredor, polos espazos artísticos feitos en diferentes lugares, seguramente non tan convencionais ou aos que estamos acostumados”.
Pilar Otero subliñou que “así ponse tamén en valor o noso patrimonio en arquitectura de usos sociais como as escolas e os teleclubes, e o patrimonio relixioso, nesta ocasión as igrexas de Ove e A Devesa”.
A concelleira de Cultura dixo que “desta volta comezamos a través da música, e polo que temos máis próximo. Contamos coa colaboración da asociación A Tribo da Travesía, que integra o Coro da Mariña e o grupo de falapandeireta Erikas e Peluxías. Todas as persoas que conforman esta asociación son parte dun proxecto de apoderamento da arte en comunidade para mellor benestar, saúde e hábitos de vida”.
Otero Cabarcos adiantou que “máis adiante seguiremos con outros proxectos de proximidade de índole similar tanto da Mariña coma do Occidente asturiano. A idea é promover e dar a coñecer os e as artistas do pé da casa e á vez gozar con eles en cada recuncho do noso concello”.
A edil nacionalista tivo palabras de agradecemento “para o apoio de todas as persoas implicadas: Ugía Pedreira e Pierrot Rougier, directores do Coro da Mariña, o cura párroco de Ribadeo, que hoxe non pode estar con nós na presentación, Gonzalo Varela; o da Devesa, Pepe Boullosa, así como as asociacións de veciños e veciñas, neste caso de Cedofeita e de Santalla de Vilaousende, representadas por Eduardo Rodríguez e Cleofé Martínez Maseda, respectivamente. Ésta última tampouco nos puido acompañar esta tarde”.
Pilar Otero explicou que “os catro concertos deste ciclo terán lugar sempre ás oito da tarde. O 11 outubro, o Coro da Mariña, actuará na igrexa de A Devesa;
o 24 outubro, o grupo de falapandeireta Erikas e Peluxías, ofrecerá un concerto na escola de Cedofeita; o 8 novembro, o Coro da Mariña, actuará na igrexa de Ove; e o 14 novembro, o grupo de falapandeireta Erikas e Peluxías, fará o propio no teleclube de Santalla”.
O representante da asociación de veciños de Cedofeita, Eduardo Rodríguez, agradeceu que o Concello achegue a música e a cultura ás parroquias. E Ugía Pedreira, cantante e membro da asociación A Tribo da Travesía, sinalou que “o obxectivo desta proposta desde o Concello coa nosa colaboración é volver xuntarse os veciños e as veciñas das parroquias a través da arte, non só a xente maior, senón tamén o mundo adolescente. A xente de 30 ou de 40 anos parece que recoñece os seus pobos cando volve da universidade, non o fai antes de irse. Os que estamos por aquí cerca, polo menos coñecernos. Lembro unha viaxe hai anos ás Azores para tocar e alí estaban a facer un proxecto comunitario cultural a través da arte de todo o arquipélago, porque había xente que de illa a illa non se coñecían, nin foran nunca. E a min paréceme que no rural pasa un pouco iso, que os pobos están cerca, pero non sabes que ao outro lado hai un gaiteiro ou un pintor que te pode axudar”.
Pedreira engadiu que “nós desde A Tribo da Travesía, desde o Coro da Mariña e as Erikas, cada vez temos máis clara a saúde que pode haber a través das actividades artísticas, sexan feitas coa man, coa voz ou coa danza. E estamos aí promovendo e axudando á xente como podamos”.