Gres (Vila de Cruces), 7 de outubro de 2019. O vindeiro sábado 12 de outubro, ás 20 horas terá lugar a presentación do libro Co pai, un conxunto de lembranzas que o autor de Mermorias dun neno labrego deixou escritas antes do seu pasamento, acontecido en 2015, nas que rememora experiencias, traballos e reflexións artelladas arredor da figura do seu pai.
Trátase dun libro de carácter memorialístico, do que cómpre salientar a singular prosa poética do seu autor que, neste caso, se desprega sobre unha serie de textos breves no que se xuntan a dimensión narrativa e a lírica. Engádese así este libro póstumo a outros nos que Neira Vilas foi elaborando unha memoria literaria coa que evocar o eido orixinario e os afectos familiares. Dende o xa lonxano Lar (1973), evocación da primeira viaxe a Galicia tras vintecatro anos na emigración; Nai (1980), semblanza da súa nai, Manuela Vilas Arteaga; e Pan (1986), recordo dos anos de infancia e adolescencia. Os tres volumes foron recollidos pola editorial Galaxia na obra Charamuscas (1993) e levados de novo ao prelo pola mesma editorial en 2014, destavolta co título de Lar-Nai-Pan.
Agora, de novo da man de Galaxia, péchase este particular círculo memorialístico co libro adicado ao pai, Xosé Neira Silva, home de múltiples oficios, como o ten descrito tantas veces o fillo escritor, e que aquí é caracterizado como “carpinteiro de trencha fina”.