Burela, a 7 de outubro de 2019.- Os socios preferentes para formar goberno en Burela –PSOE e BNG- escenifican estes días unha “oportuna” lea, previa ás votacións de novembro, a conta do deporte base. A problemática xurdida entre os socialistas e os nacionalistas aparece pola dificultade para asignar horarios razoables para que tódalas escolas deportivas da vila teñan forma de adestrar nas instalacións locais.
Á conta disto, dende a corporación socialista en funcións afirman que sempre hai problemas, pero que desde o Concello non poñen os horarios. “Se sempre hai problemas”, os populares pregúntanse “qué fixeron nestes últimos catro anos” e “por qué non se puxo en marcha ningún tipo de iniciativa para tentar resolvelos”.
Ademais, o feito de que o Concello non poña os horarios “evidencia a incapacidade do Sr. Fernández Rey, concelleiro delegado de deportes, de coordinar esta función”. Nese caso, preguntan dende o PP de Burela “a quen delega esa responsabilidade” ou “se a está a externalizar”.
“Toda esta falta de previsión e de coordinación non é nova nas filas socialistas”, defenden os populares de Burela. “Hai que lembrar, sen ir máis lonxe, os problemas que tivo a Sra. Ben Vázquez coa ludoteca este verán”.
Dende as filas populares non cabe asombro ningún a estas alturas pois este é parte do “fabuloso” equipo de “goberno” do que dispón o Sr. Llano, “moi en sintonía co propio alcalde en funcións”, consideran.
Dende o PP xa se anticipou esta situación
Os edís do PP de Burela xa vían vir esta situación antes das eleccións locais. De feito, no seu programa xa se adiantaba unha resolución para esta continxencia. Concretamente, propoñían “o acondicionamento dun novo recinto para solucionar os problemas de ocupación dos pavillóns municipais e, a maiores, tramitar a posta en marcha da adecuación das instalacións deportivas do Concello para a celebración de calquera acontecemento deportivo”.