Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019. O 10 de abril de 2019, A Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades que traballan en defensa do aragonés, do asturiano, do catalán, do galego e do euskara presentaron en catro roldas de prensa simultáneas en diversos puntos do Estado o documento Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia, no que recolleron diversos compromisos que deberían tomar os partidos políticos. “Hoxe en día existe un desequilibrio entre o castelán eta as linguas minorizadas”, explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “e, por tanto, para conseguir igualdade, liberdade e democracia, é necesario, entre outras cousas, recoñecer idénticos dereitos deberes a toda a cidadanía, contratar na administración pública persoal capacitado nas linguas minorizadas, normalizar o uso das linguas minorizadas nos xulgados e dar fin á imposición do castelán a través das normas. Ese é o eixo dos compromisos que redactamos”.
Varios partidos políticos adiantaron que se chegan ao Goberno teñen intención de tomar medidas para restrinxir os dereitos lingüísticos da cidadanía que quere vivir en linguas propias. “Por iso, non queremos dirixirnos a eses partidos”, afirma Maceira, “demandamos ao resto do arco parlamentario que fagan seus os compromisos recollidos no documento”. Para conseguilo, na reunión de hoxe decidiron pór en marcha diferentes dinámicas para socializar o contido do documento e recoller compromisos concretos dos partidos políticos, entre outras, realizarán unha comparecencia conxunta en Madrid a finais de mes.
A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Calquera persoa sensíbel coa causa do idioma galego pode facer parte da Mesa, que coas súas 4000 socias e socios é a maior asociación cultural de Galiza. Todas aquelas persoas que coñezan ou sofran casos de discriminación polo uso do galego poden tramitar a súa denuncia a través da Liña do galego.