Mondoñedo, 3 de outubro do 2019. O BNG mindoniense rexistrou unha moción na que lle pide ao goberno municipal que expoña ao público o Proxecto Básico e de Execución do Acondicionamento da Praza da Catedral antes da súa aprobación definitiva.
Segundo informou o voceiro municipal do BNG no concello, Eloi Cabanas, o goberno municipal de Elena Candia ten as xestións moi avanzadas para a reforma da praza, obras que pretende financiar a cargo da partida do 1,5% cultural do Ministerio de Fomento.
As obras promovidas polo goberno pretenden a ampliación do Cantón Grande desprazando as escaleiras 2 metros cara a Praza da Catedral e adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior. Ao mesmo tempo tamén se contempla o traslado dos taxis a outro lugar sen definir do entorno, eliminar os colectores do lixo da praza así como cortar esta ao tráfico.
O BNG entende que un proxecto desta magnitude debe ser un proxecto de cidade e require que as decisións que se tomen deben responder ao resultado dun estudo pormenorizado para que logo as obras non causen danos imposibles de reparar. “Pedímoslle á alcaldesa que sexa transparente e que dea conta do proxecto para que a veciñanza e colectivos interesados podan alegar ou aportar o que consideren necesario”.
Eloi Cabanas recorda que a Praza da Catedral de Mondoñedo está incluída dentro do casco antigo da cidade declarado no ano 1985 Ben de Interese Cultural, que a catedral é un Monumento Nacional desde o ano 1902 e que esta, xunto co Camiño Norte de Santiago, está tamén declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.
“A transparencia e a información son claves para a toma de decisións, máxime cando falamos de obras desta envergadura”, conclúe.