Foz, 29 setembro 2019. A Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural do Concello de Foz, continúa no mes de outubro coas actividades relacionadas coas aves. No mes de setembro a Exposición Aves de Galiza, que foi moi ben recibida, permitiu a veciños, visitantes e mesmo algún Centro de Ensino do Concello, amosar a riqueza ornitolóxica do país.
Invitamos a celebrar o Dia Mundial das aves o sábado 5 de outubro as 12 da mañá. Convidamos a tódolos interesados a compartir un acto divulgativo con Luis Salaverri Leiras, Doutor en Bioloxía, experto ornitólogo e gran coñecedor das aves do Concello de Foz. O lugar escollido é Fazouro, no Centro Social-Antigas Escolas, ben próximo ao espazo dunar da Pampillosa refuxio de especial interese ornitolóxico onde aniñan as Pillaras das dunas. A Pillara foi escollida como ave do ano 2019 po la SEO/Birdlife. Trátase dunha ave en serio perigo de extinción.Ten na Galiza o seu último refuxio do norte da peninsula ibérica, xa que desapareceu do resto de zonas do litoral septentrional, e só se ve xa na costa portuguesa e mediterránea da Península. Estímase que na actualidade quedan pouco máis dun cento de parellas ao longo do litoral galego.
Destas aves tan valiosas, das migrantes en plena viaxe de volta a Africa diante das nosas costas e das da ría do Ouro e Foz, recibiremos amena e útil información dun experto como Luís Salaverri.