Lugo, 27 de setembro de 2019.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, contratou obras de mellora nas instalacións portuarias de Burela e Foz por un importe conxunto duns 57.800 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que en Burela está en execución unha actuación de reposición de portalóns metálicos e reparación da fachada dos departamentos situados detrás da antiga lonxa do porto, cun orzamento de 39.572 euros.
Está previsto reparar gretas e renovar o revestimento en paramentos interiores; pintar a fachada frontal e substituír os portalóns existentes, sete deles por portas metálicas de corredoira con acceso peonil; e outros dous por portas metálicas abatibles de dúas follas.
No caso de Foz xa remataron os traballos para facer un novo acceso ás instalacións náutico-deportivas. Proxectouse a dotación dun novo acceso dende a beirarrúa, a colocación dunha rampla con estrutura de aluminio, con porta de acceso, e a instalación dun tramo de pantalán de 6 metros por 2,50 de ancho. O orzamento é de 18.250 euros.