Burela, 20 de setembro de 2019. Continúan as actividades da Semana Europea da Mobilidade. Hoxe pola mañá as monitoras de Gaia impartiron unha charla sobre emisións de CO2 ao alumnado de 1º da ESO do IES Monte Castelo. Pola tarde ás 16:30 horas dará comezo un taller de cociña infantil na praza da abastos; de 17:30 a 19:30 horas Porta Norte ofrecerá un adestramento mini exhibición de ximnasia rítmica na praza da Mariña, e á mesma hora e no mesmo marco haberá un ensaio de Ledicia.
E mañá sábado haberá un paseo solidario con Alas de Vida ás 16:30 horas e festa infantil na praza da Mariña. E ás 19:00 horas nese mesmo escenario estará Caxoto Contacontos con Conto para escoitar mentres bailamos un balse.
A Semana Europea da Mobilidade culminará o vindeiro domingo, 22 de setembro, coa celebración do día sen coches. De nove da maña a dez da noite estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre as interseccións de Curros Enríquez e Eijo Garay. E haberá actividades ao longo de todo o día: a Xeoruta do Cantiño, as carreiras Alas de Vifa, xadrez na rúa, música, palillando na rúa, xogos deportivos e tradicionais ao aire libre, exposición de produtos artesanais, dispara a gol, cine infantil, Kangoo Jumps e Jumping, foto para o calendario contra a violencia de xénero e tamén exhibición de baile de salón.
E ata esa xornada, a do 22, segue aberto o prazo de presentación de fotografías ao concurso Os Beatles en Abbey Road… nun paso de cebra. As persoas interesadas en participar deben facer unha foto imitando a mítica imaxe e enviala a gaia@burela.org xunto cos nomes dos participantes, DNI e un número de teléfono de contacto. O prazo remata o 22 de setembro ás dez da noite. A foto premiada recibirá como agasallo unha cea valorada en 100 euros no Contraste.
Onte, xoves, tiveron lugar sendas charlas impartidas pola DXT nos IES Perdouro e Monte Castelo tituladas Anda en bici seguro. E pola tarde estivo aberto o circuíto de educación vial na praza do Concello.