Burela, 16 de setembro de 2019. Hoxe deron comezo en Burela as actividades da XIII Semana Europea de Mobilidade, que se prolongarán ata o vindeiro domingo.
Os rapaces de 4º de Primaria do CEIP Vista Alegre foron Andando ao colexio, viron uns vídeos de seguridade vial e visitaron as dependencias do Concello, onde foron recibidos polo alcalde, Alfredo Llano, e polo concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.
E as nenas e nenos de infantil e de 1º, 2º e 3º de Primaria do CEIP Vista Alegre asistiron a charlas impartidas pola DXT. Camiñar e pedalear seguro é o título das conferencias que mañá, martes, chegarán tamén ao CEIP Virxe do Carme ao igual que Andando ao colexio.
Esta tarde entre as 17:30 e as 19:30 horas terá lugar un taller de manualidades e pintacaras na praza da Mariña. Cos asistentes estarán as monitoras de Gaia.
E mañá, martes, pola tarde a partir das 18:30 horas desenvolverase o concurso de debuxo infantil Camiña connosco, destinado a rapaces e rapazas de ata 12 anos. Será na praza da Mariña e haberá agasallos para os participantes.
As actividades da Semana Europea da Mobilidade, organizadas pola Concellería de Medio Ambiente, seguirán ata o vindeiro domingo, 22 de setembro, xornada na que se celebrará o Día sen Coches.