Burela, 4 de setembro de 2019. A Concellería de Turismo fai un balance positivo do verán. A ocupación hoteleira en agosto situouse entorno ao 100%, polo barco museo pasaron 1.900 persoas e pola oficina de turismo 3.000. Para o edil Ramiro Fernández Rey Burela consolídase pouco a pouco como un destino turístico familiar. O mes pasado 1.200 persoas fixeron a ruta da lonxa e as xeolóxicas seguen a ser un reclamo e un éxito.
Ramiro Fernández declarou que “na Concellería de Turismo de Burela temos unha valoración moi positiva do que foi este mes de agosto, a ocupación hoteleira estivo roldando o 100% e os datos que manexa o propio Concello tamén son moi positivos”.
O concelleiro de Turismo subliñou que “no barco museo tivemos 1.901 visitas, o que supón un incremento con respecto ao ano pasado de practicamente un 18%, algo que podemos cualificar evidentemente como moi positivo. Cada vez temos máis xente no barco e este verán os datos dinnos que está sendo un dos referentes turísticos que temos no pobo”.
Fernández Rey engadiu que “na Oficina de Turismo tivemos máis de 3.000 consultas. Temos que destacar que Burela se está consolidando como un destino familiar, imaxinamos que igual que o resto da Mariña, onde ven xente de mediana idade. Ese é o turismo que a nosoutros nos interesa porque é un turismo tranquilo, un turismo gastronómico e que deixa un aporte económico no pobo. As rutas do peixe neste mes de agosto funcionaron moi ben, preto de 1.200 persoas tiveron a oportunidade de visitar a nosa lonxa. Con respecto ás rutas xeolóxicas foron un auténtico éxito, é unha iniciativa que nos está dando moita oportunidade de dar a coñecer o noso pobo”.
O edil de Turismo en Burela manifestou que “en definitiva é un balance moi positivo, seguiremos traballando para que estes datos sigan afianzándose ano a ano, demostrase que ese traballo está dando os seus froitos, que ano a ano Burela cada vez recibe máis visitas e seguiremos traballando nesta liña, incluso tamén en desestacionalizar o turismo e que teñamos visitantes todo o ano”.
Das 3.371 persoas que pasaron pola oficina de turismo 3.293 eran españolas e 78 estranxeiras. 2.152 desas persoas visitaban por primeira vez Burela. Os lugares de procedencia foron Madrid con 1.151 persoas, Galicia con 394, Asturias con 330, Castela-León con 323, País Vasco con 282 e Cataluña con 188. Burela tamén recibiu a visita de xente chegada de Andalucía, Valencia, Extremadura, Navarra, Baleares, Canarias ou Murcia.
Os estranxeiros procedían de Alemaña con 25 persoas, Francia con 13, Portugal con 8 e Rusia con outros 8. Tamén coñeceron Burela xente chegada desde Bélxica, Italia, Holanda, Uruguai, Arxentina ou Estados Unidos.