Trabada, 3 de agosto de 2019. A localidade de Trabada recupera a súa antiga escola unitaria grazas ás obras de rehabilitación deste antigo inmoble escolar apoiadas pola Xunta cunha achega de 242.000 euros, o cen por cen do custe destes traballos.
Unha vez concluída a rehabilitación, as instalacións xa están listas para que comece a montaxe do museo etnográfico e dun punto de información turística, que darán “nova vida” a un inmoble ata que, ata este momento, atopábase deteriorado e en desuso.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou o remate dos traballos que se desenvolveron no último ano e que transformaron por completo a escola, que retoma a súa volumetría orixinal, sen os edificios anexos.
“A recuperación desta antiga escola, sumada aos novos usos que se pretenden dar ás instalacións, contribuirán a poñer en valor un espazo emprazado en plena ruta norte do Camiño de Santiago, que se suma e enriquece os atractivos turísticos de Trabada”, dixo Balseiro.
Rehabilitación integral
A achega económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda foi decisiva para acometer a rehabilitación integral dun inmoble no que se actuou por completo en todos os seus espazos: cuberta, interiores e fachada.
O proxecto incluíu a reconstrución total dun dos espazos máis significativos da antiga escola, os soportais dianteiros, así como a adaptación dos aseos, na planta baixa, para habilitalos para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, mellorando a súa accesibilidade.
O investimento responde a un programa de axudas da Xunta dirixido aos concellos e orientado a crear ou mellorar os equipamentos e infraestruturas urbanas, co fin de frear o despoboamento mellorando o benestar e a calidade de vida da poboación.
Co apoio económico da Xunta, que chega ao cen por cen do custe das obras, o Concello non ten que asumir ningún custe salvo derivado da elaboración do proxecto técnico e a dirección facultativa da obra.
A memoria contou co apoio da administración autonómica, que tamén valorou o feito de transformar a escola unha vez rehabilitada en centro expositivo e de información turística.
Trabada dispón de abundante material histórico, desde apeiros ata utensilios de pesca, unha colección de máquinas de coser e unha reprodución da escola dos anos 40. Boa parte deste patrimonio material foi doado ao Concello por un veciño, José Rocha, e terá agora un espazo para mostrar este legado.
Balseiro concluíu salientando a dobre utilidade da recuperación da escola, “non só polo valor de rehabilitar un inmoble histórico destas características, senón porque servirá como punto de referencia das tradicións, historia e cultura propias da localidade, para dalas a coñecer ás novas xeracións de veciños e aos que visiten a localidade”.