Ribadeo, 30 de agosto de 2019. A concelleira de Obras, Mónica Freire, considera positivo que a Xunta asuma a súa responsabilidade con Ribadeo e que ao fin faga o seu traballo na estación de autobuses. A edil lembrou que no ano 2017 o Concello envioulle un requirimento á Xunta informando das deficiencias que sufrían esas instalacións e que podían supoñer un perigo tanto para os usuarios como para os traballadores. Esa petición non foi atendida e a principios deste ano o Concello volveu insistir.
Mónica Freire contou que “desde o Concello de Ribadeo levamos xa varios anos intentando que a Xunta cumpra coas súas obrigas sobre a estación de autobuses, que precisamente é da súa titularidade. Xa en 2017, fai dous anos, remitimos un requirimento á Dirección Xeral de Mobilidade instándoa a subsanar o mal estado en que se atopaban as fachadas, a cuberta, a instalación eléctrica e os canalóns, ademais da estrutura metálica”.
A concelleira de Obras dixo que “vendo que a Xunta non actuaba, a comezos deste ano volvemos incidir nese requirimento. Volvemos a esixirlles que corrixiran esas deficiencias graves que había e que podían afectar á seguridade dos usuarios e dos traballadores”.
Freire subliñou que “a principal problemática se atopa, ademais de nos puntos mencionados, no mal estado da estrutura metálica, que está bastante oxidada e pode supoñer un perigo para todas as persoas que pasen por alí”.
A edil ribadense engadiu que “agora desde o Concello celebramos que a Xunta teña a ben asumir a súa responsabilidade con Ribadeo e que, ao fin logo de esixírllelo en varias ocasións, fagan o seu traballo”.