Ribadeo, 27 de agosto de 2019.- Máis de 2.200 persoas participaron nos meses de xullo e agosto na campaña de campamentos e campos de voluntariado programados pola Consellería de Política Social para este verán na provincia de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe xunto co alcalde de Lalín, José Crespo -entre outras persoas- a un grupo de participantes no campamento xuvenil da Devesa orixinarios dese municipio, que estiveron nas instalacións de Ribadeo a través da oferta concertada, pola que a Consellería cede o uso das instalacións para levar a cabo as actividades.
Balseiro indicou que ao longo dos meses de xullo e agosto fóronse sumando diferentes localizacións e sucedendo as quendas, ata alcanzar un total de 34 accións nas que se ofertaron 2.235 prazas organizadas en grupos de idade: os máis pequenos entre 9 e 11 anos, e no outro extremo houbo actividades para a mocidade, dos 18 aos 30 anos.
A Consellería de Política Social destinou un orzamento de 725.018 euros na provincia de Lugo á campaña de verán 2019, que leva por lema “O verán que queres vivir” e busca facilitar a conciliación e promover espazos didácticos de lecer e convivencia.
Segundo lembrou o delegado, os campamentos celebráronse nas instalacións da Xunta en Area (Viveiro), Portomarín, A Devesa (Ribadeo), Os Chacotes (Palas de Rei), no albergue municipal de Quiroga e nos Peares (Carballedo). Ademais, os albergues de Area e A Devesa acolleron catro campamentos en oferta concertada. Así mesmo, no LUG-2 (na capita luguesa) desenvolveuse a actividade Conecta con Galicia, dirixida a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.
En canto aos campos de voluntariado, a programación incluíu sete -seis deles internacionais-, en Quiroga, Folgoso do Courel, Pantón, Xermade, Guitiriz, A Pobra do Brollón e Portomarín, concello no que remata este xoves o último campo de voluntariado desta verán na provincia.
Na campaña do 2019, a Xunta ofertou máis de 10.000 prazas nas catro provincias galegas e tamén fóra de Galicia, xa que se incluíron 320 prazas en campamentos do País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria.