Nota de Prensa
O BNG DE BARREIROS PÍDELLE TRANQUILIDADE AO PP E RECOMÉNDALLE QUE RETIRE DA SÚA ESTRATEXIA ELEITORAL A DEMAGOXIA E A MENTIRA. OS NACIONALISTAS LAMENTAN QUE O PP PROVINCIAL NON FAGA NINGÚN PROPÓSITO DE ENMENDA NIN SEXA CAPAZ DE SOMETER COMO MÍNIMO A UNHA “CORRECCIÓN DE ERROS” A SÚA IRRESPONSABLE ACTUACIÓN EN BARREIROS.
Barreiros, 19 de marzo de 2010. O BNG de Barreiros pídelle tranquilidade ao PP e recoméndalle que retire da súa estratexia electoral a demagoxia e a mentira. Os nacionalista lamentan que o PP provincial non faga ningún propósito de enmenda nin sexa capaz de someter como mínimo a unha “corrección de erros” a súa irresponsable actuación en Barreiros. Desde o BNG tamén lles lembran aos dirixentes populares que o conflito urbanístico iniciouno o PP coa súa errada acción de goberno neste concello.
Despois de oír as declaracións do presidente provincial do PP Xosé Manuel Barreiro, desde o BNG de Barreiros afirman que “se segue sen coñecer o modelo urbanístico do PP, agás que ese modelo sexa o aplicado en Barreiros ao longo destes anos e que tan perxudiciais consecuencias trouxo para o concello, construíndo sen control, sen a esixencia de dotación de servizos, e obviando sistemáticamente os informes xurídicos que dicían que había que rectificar as erradas actuacións urbanísticas para poder conceder as licenzas”.
Desde o BNG agardaban que “as respostas do Sr. Barreiro, unha persoa que no seu día foi o titular da Consellería de Medio Ambiente foran máis coherentes á hora de posicionarse a respecto do urbanismo, pois resulta curioso e contraditorio que Xosé Manuel Barreiro afirmara o 2 de decembro de 2006 en Barreiros que o PP defendía un urbanismo que respondía a criterios de sostibilidade e que habería actuacións que habería que correxir, outras habería que controlar e outras preservar. Parece ser que as únicas actuacións que querían preservar eran as realizadas polo Concello de Barreiros, e desde logo que esas non eran nin son un exemplo de urbanismo sostible”.
Na Asamblea Local do BNG de Barreiros apuntan que “urbanismo sostible, con respecto polo territorio, co xusto reparto de beneficios e cargas, coa esixencia de dotacións e servizos a quen lle corresponde, é o modelo que defende o BNG, para Galiza, para a comarca, e para o concello de Barreiros. Ésta é a única forma de que o concello progrese, e non coa que propoñen o PP e o Sr. Barreiro. Aí ao BNG sóbranlle argumentos, os que lle faltan ao PP, partido que só plantexa solucións en clave electoral e nun contexto de demagoxia, mentira e confusión”.
Os nacionalistas di que “non é o BNG quen fai xuizos paralelos nin busca culpables antes de que fale a xustiza. Non é o BNG o que se alegra de que se abrira un proceso xudicial contra o alcalde e a xunta de goberno. O que fixo o BNG no seu día foi advertir da situación á que se podía ver abocado o concello se se seguía naquela deriva de desoír os informes xurídicos e tamén as advertencias que incluso facían algúns colexios profesionais. Polo tanto Xosé Manuel Balseiro minte cando dí que o BNG instou á paralizacion”.
Desde o BNG de Barreiros manifestan que “a actuación do Concello de Barreiros nestes anos pódese comparar á de aquel condutor imprudente que circula pola autopista en dirección prohibida desoíndo os avisos dos axentes de tráfico, até que se produce o fatal accidente, cuxas consecuencias despois hai que pagar entre todos”.
O BNG de Barreiros considera tamén que “tanto a Barreiro como a Balseiro non lles importa nada o concello de Barreiros, pois para eles é unha finca mais para recadar votos, ainda que para iso teñan que tirar da mentira, como fai sobre todo o Sr. Balseiro que segue no seu papel de hooligan. É triste que este señor sexa o secretario do Parlamento de Galiza. E menos mal que só acude á mesa do parlamento a apretar o botón de votación”.
Os nacionalistas pídenlle “tranquilidade ao PP, polo menos para poñérense de acordos entre eles, pois uns pídenlle celeridade á xustiza, e outros din que hai que respectar os seus tempos. Agora só falta que o PP de Galicia e o Sr. Feijoo refrenden tamén o modelo urbanístico do PP en Barreiros. Entón quedarían perfectamente retratados e desenmascarados diante da sociedade galega”.