Burela, 19 de agosto, 2019. O Pescados Rubén Burela FS mediuse o sábado a Movistar Inter, en Toledo, no segundo desprazamento da pretempada laranxa. “Fomos o Burela que queremos ser. Non puidemos levar a vitoria, pero con esta liña de traballo podemos conseguir o obxectivo que nos propuxemos. O equipo traballou moi ben, sobre todo en defensa, aínda que nos faltou acerto na finalización, algo lóxico de pretempada coa carga física de traballo” explicaba Luisma, co axustado marcador de 0-1, con diana de Gadeia.
O ala-pivote logroñés vivirá a súa terceira tempada na Mariña como unha das referencias de veteranía e solidez da filosofía do Mariskal: “Estou moi contento. Eu sempre dixen que se nun club estás a gusto e te valoran a categoría é algo secundario. No meu anterior equipo, Navarra, estiven nove anos e con Pescados Rubén así o sentín desde o primeiro momento, en Segunda División e agora en Primeira” apuntaba o 6 laranxa, disposto, coma sempre, a seguir entregando a mellor das súas versións e, sobre todo, o seu meticuloso traballo en 2019-20: “O obxectivo do equipo é claro; temos o nada doado reto da permanencia por diante. Cando acabe a primeira volta poderemos facer valoracións de como está o equipo e a que podemos aspirar” explicaba p Luisma, afanado en “axudar o equipo en todo que poida, coma sempre. Sabemos que este ano temos un cadro máis amplo e que o rol de todos vai cambiar un pouco, pero eu seguirei estando a disposición sempre; todos imos ser importantes dependendo das fases da tempada”.
Os pupilos de Juanma Marrube mergúllanse na cuarta semana de preparación amoldándose: “Pois estamos con moito traballo físico e puíndo aspectos tácticos, sobre todo en fase de axustar as incorporacións ao noso traballo. Aos poucos vanse adaptando á nosa dinámica, sobre todo á táctica do equipo; somos un bloque forte que xa sabía como traballar con Juanma e eles entraron ben. Michal ten o hándicap do idioma, pero está aprendendo e ten moita ilusión. Álex e Everton xa os coñecemos mellor. E Jacobo tamén se está adaptando moi ben e pódenos axudar moito na posición de pivote” concluía así Luisma, falando das caras novas nas filas burelistas.