Viveiro, 19 de agosto, 2019. O BNG de Viveiro quer parabenizar á veciñanza de Celeiro polas mobilizacións convocadas estes días esixindo respostas e solucións para un emisario roto con procesos de depuración insuficientes que se fan evidentes na calidade da auga da praia de Celeiro e por extensión en toda a ria de Viveiro.
Sería unha boa ocasión para que dende a Xunta desen explicacións, tanto á xente que se está a mobilizar nestes días como a que xa se manifestou nas anteriores ocasións, como na concentración na Praza do Náufrago de Celeiro (11/02/2018), co mural reivindicativo (11/06/2018) ou co manifesto pola rexeneración da ría (07/01/2019) onde asinaron unha trintena de colectivos e asociacións de todo Viveiro para pórlle fin a un emisario submarino roto e as deficiencias da EDAR.
Preocupados pola nosa ría, esixímoslle á Xunta de Galiza e ao Concello de Viveiro que cumpran cos prazos de execución prometidos públicamente, que comecen a executar as obras recollidas no convenio para mellorar o saneamento integral da ría e deixen de xogar coa saúde, os postos de traballo e o futuro da veciñanza de Viveiro.