Lugo, 19 de agosto, 2019. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, anunciou esta mañá que a entidade vai participar de novo en La Vuelta a España, co posto de …E para comer, Lugo, da man de Turismo de Galicia. No acto interveu, xunto con Real, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro. Tamén acompañaron ao presidente da Apehl representantes de varias das empresas e asociacións que participarán en La Vuelta.
Na súa intervención, Balseiro aludiu á vintena de produtos galegos que recorrerán España da man da Apehl, os cales “son fundamentais na nosa gastronomía e envían a mensaxe de calidade que queremos vincular coa nosa identidade e coa nosa oferta turística”, sinalou. Ademais, destacou o enorme escaparate que supón para Galicia estar presente nun evento de tales dimensións e agradeceulle a Apehl o esforzo que realizan cada ano nesta acción de difusión dos produtos lucenses e da oferta turística da provincia, así como aos produtores pola súa colaboración, e rematou a súa intervención co desexo de que se poida repetir o éxito de edicións anteriores.
Pola súa banda, Real agradeceulles o seu apoio á Xunta de Galicia e mais aos produtores lucenses que abastecen o posto da materia prima necesaria para realizar as degustacións. Nesta lista de colaboradores atópanse os consellos reguladores e indicacións xeográficas protexidas da Ribeira Sacra, Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Queixo Tetilla, San Simón da Costa, Aceite de Quiroga, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Fabas de Lourenzá, Grelos de Galicia, Mel de Galicia, Pementos de Mougán, así como Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Afapan, Asoporcel, Asovega, Avimos e Leite Galega 100 %. Segundo o presidente da Apehl, “son moitas as persoas que eloxian a calidade, a frescura e a variedade dos produtos que se ofrecen no stand da Asociación e así queremos que siga sendo”. Así mesmo, o presidente da Apehl fixo especial fincapé en que, por segundo ano consecutivo, a Asociación de Cociñeiros da Mariña participará en varias etapas de La Vuelta cociñando produtos típicos en directo –polo momento, xa está confirmada a súa presenza na etapa 16 (Pravia, Asturias)–.
Esta será a oitava vez consecutiva que a Apehl faga promoción turística da provincia de Lugo por todo o país durante o desenvolvemento desta competición. O posto de … E para comer, Lugo, instalado na zona VIP das 21 saídas de etapa e atendido directamente por persoal da Asociación, goza cada ano dunha grande acollida por parte do público. Ao igual que nas anteriores edicións, serviranse a todos os visitantes aperitivos elaborados con produtos da nosa terra e difundiranse exemplares da guía … E para comer, Lugo.