Lugo, 16 de agosto de 2019. A Xunta de Galicia xestiona as visitas á praia das Catedrais en época de maior afluencia de visitantes como medida de protección do monumento natural, pero hai outros aspectos, como a seguridade, nos que non ten competencias directas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que así o aclara un informe dos servizos xurídicos da Xunta, pese ao cal a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda deu algúns pasos para reforzar a seguridade ante a inactividade do Goberno central.
Balseiro explica que o monumento natural está localizado integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre, polo que lle corresponde ao departamento de Costas do Estado adoptar as medidas de policía preventiva necesarias para garantir a seguridade das persoas que visiten a praia, e subsidiariamente ao concello de Ribadeo.
A Consellería encargou hai uns meses un estudo xeotécnico e xeolóxico e deu traslado das conclusións á Administración do Estado nunha xuntanza con responsables da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar que tivo lugar o pasado mes de marzo en Madrid.
Ante a nula receptividade do Goberno central, a propia Xunta “asumiu por responsabilidade a primeira das medidas propostas”, aclarou Balseiro, o reforzo da sinalización e mesmo o impacto das mensaxes referidas a aqueles tramos e elementos naturais nos que a probabilidade de caída de material é alta ou moi alta.
Ademais, os axentes e o persoal que controla o acceso informa aos visitantes sobre os perigos e as precaucións a ter en conta durante o percorrido tanto da praia como das furnas, cantís e demais elementos que integran o monumento.
A Xunta está aberta a colaborar en canto estea na súa man tanto co Goberno central como co concello de Ribadeo para reducir os riscos no areal, pero cada administración debe desenvolver as súas competencias.