O Vicedo, 14 de agosto, 2019. Nordés Faladora organiza unha nova edición das Xornadas “Memoria dun tempo”.
Nesta ocasión, e despois de 8 anos no concello de Mañón, os actos terán lugar no concello de O Vicedo, exactamente na Casa da Cultura os días 22, 23 e 24 de agosto.
Para esta primeira vez na marxe lucense do río Sor o programa non podía ser mellor:
O xoves 22 proxectarase o premiado documental “El silencio de otros”, galardonado co Goya 2018, co Premio do Público da Berlinale, e outros máis que non poñemos por non facer este texto longo de máis.
O mesmo día contamos coa presenza de X. Luis Bará, da Iniciativa Galega pola Memoria (conxunción de organizacións e individualidades á que recentemente se uniu Nordés), para estabelecer un debate sobre o documental, e a situación actual e atrancos que atopa a recuperación da memoria histórica a día de hoxe.
Venres 23 será o día no que o antigo concello de Riobarba (dende 1952 O Vicedo); rexurdirá para rescatar, da man de Claudio J. Castro Lage, profesor e investigador, a vida do que foi o seu alcalde durante a II República: Luciano Pérez Riveira. Home que forma parte da historia popular do concello, pois estivo anos agochado, dando pé a contos e lendas que tamén terán cabida neste acto, o cal seguro vai ser do interese da poboación da bisbarra.
Ao remate da conferencia, na que se agarda que a xente participe para falar do que foi o seu alcalde con vista a completar a investigación aberta, contaremos coa querida presenza de Andrés Fernández, músico e cantautor do Carballiño que desenvolverá un repertorio de pezas que faránnos lembrar e disfrutar.
O sábado 24 pecharanse as xornadas coa homenaxe na ponte vella sobre o Sor, acto que, ao igual que aos demáis, está aberto totalmente á participación. Música, poesía, testemuñas…todo ten cabida neste acto co que lembramos ás persoas represaliadas en xeral e na nosa bisbarra en particular.