Lugo, 01 de agosto de 2019. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apoiou economicamente e colaborou co Concello de Trabada no proxecto que fixo posible a rehabilitación da antiga vivenda dos mestres, emprazada na parroquia de Sante, e a súa posta a disposición de familias con baixos recursos para uso residencial. Este é precisamente un dos inmobles que o concello cederá ás familias con fillos menores que estean dispostas a empadroarse no municipio.
O proxecto foi un dos beneficiarios da orde de axudas que con este obxecto convoca a Xunta de Galicia e que supuxo unha achega de máis de 26.300 euros -o 90% do orzamento total protexido- para a execución dos traballos de rehabilitación integral do inmoble: albanelaría, electricidade, fontanería e saneamento, dotación dunha calefacción, carpintería interior e compra de distintos accesorios, incluídos os sanitarios.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa da localidade e integrantes da corporación municipal, visitaron a vivenda e comprobaron o bo resultado dunha obra que ofrece unha segunda vida a inmobles que se atopaban en desuso ou directamente en situación de abandono.
Balseiro explicou que a iniciativa responde á filosofía defendida polo Goberno galego, concorrente en moitas das liñas de axuda que a Xunta ten dispoñibles para os concellos, e dirixida a revitalizar o rural, recuperando estes inmobles e destinándoos a un novo uso residencial que contribúe tamén ao asentamento de poboación.
Esta orde de axudas non só está destinada a antigas vivendas de mestres senón tamén a outros edificios de titularidade municipal e casas de oficios. A convocatoria deste ano, xa pechada, conta cunha dotación de preto de 2 millóns de euros para facilitar aos municipios pequenos, e que contan con veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, a creación dun parque público de vivenda municipal destinada ao alugueiro.
A modo de conclusión Balseiro salientou que con estes apoios acádase un triplo obxectivo: social, polo que supón para dar facilidades de acceso á vivenda; potenciación e desenvolvemento do rural, porque esta liña de axudas vai destinada a concellos de menos de 20.000 habitantes, para fixar poboación no rural; e económica e ambiental, porque a rehabilitación é unha iniciativa máis sostible ademais de ter a capacidade de xerar máis emprego por millón de euros.