Burela, 30 de xullo de 2019. A praza de abastos de Lugo acolleu este martes a presentación da Feira do Bonito de Burela e de Produart, que se celebrarán esta fin de semana. No acto interviñeron o alcalde burelés, Alfredo Llano, o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, e a presidenta da Sociedade Cultural Ledicia, Rocío Rivera. Todos convidaron aos lugueses e luguesas a achegarse a Burela do 2 ao 4 de agosto.
O rexedor dixo que “dá gusto estar en Lugo e estar nesta praza tan bonita e tan preparada. Hoxe vimos presentar a Feira do Bonito, pero paseando pola praza puiden ver que hai moitas peixerías e aprecie que hai moito bonito de Burela. Queremos dar as grazas ao Concello de Lugo porque nos facilitou estar aquí”.
Alfredo Llano salientou que “Burela vai ser o epicentro das actividades esta fin de semana, imos ter a Feira do Bonito, a feira Produart e o concurso internacional de pintura mural Amarte. Os tres eventos no seu conxunto van dar lugar a que non se aburra ninguén dos que se acheguen a Burela este venres, o sábado e o domingo”.
O alcalde explicou que “en Burela hai convivindo 42 nacionalidades en 8´1 quilómetros cadrados, e entre os nosos habitantes temos máis xente de menos de 20 anos que máis de 65 anos. Ademais temos o porto máis importante de pesca en todo o litoral cantábrico, aí comercializamos diariamente máis de 120 especies de peixe no cal destaca o bonito do norte. O pobo de Burela foise construíndo a base de mareas do bonito, deu lugar a moita economía e aproveitouse moitísimo”. E engadiu: “queremos destacar que na Feira do Bonito imos presumir de cómo pescan os nosos barcos o bonito, de un en un, sempre respectando a especie e o medio ambiente porque queremos que a pesca sexa unha actividade económica, cultural e social que sexa eterna. Polo tanto queremos conservala e sempre presumimos de que pescamos da mellor maneira posible tanto o bonito como a pescada e todas as especies que van a Burela. Queremos animar a todo o mundo a que se achegue a Burela esta fin de semana, desde o venres que inauguramos Produart, o sábado inauguramos a Feira do Bonito e tamén o sábado temos o certame internacional de pintura mural Amarte”.
O xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, comentou que “paralelamente á Feira do Bonito, organizamos a feira Produart de produtos de artesanía e de ecoloxía. Pretendemos destacar os nosos valores pesqueiros, os nosos valores artesás e poñer en valor a riqueza do noso patrimonio. A feira inaugúrase o día 2 de agosto e desenrólase ata o día 4. Nesta feira podemos atopar desde cerámica, vidro, coiro, pasando por conservas, embutidos, queixos, viños, é dicir, podemos atopar toda unha serie de produtos da nosa terra, do noso entorno, coa maior sensibilidade ecolóxica e de patrimonio. Paralelamente á feira vanse desenrolar diversas actividades. O venres imos ter unha charla sobre o patrimonio da Mariña que a vai impartir o presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda. O venres imos ter tamén un taller de cerámica para nenos, e ao mesmo tempo, as monitoras de Gaia da Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela van facer actividades para os nenos. Temos ademais unha exposición permanente de biodiversidade acuática da Mariña con fotografías feitas por un biólogo mariño de Foz e patrocinada pola Delegación de Turismo de Burela”.
E pola súa banda, a presidenta da Sociedade Cultural Ledicia, Rocío Rivera, dixo que “o prato forte vai ser o sábado ao mediodía, imos recibir a todos os nosos convidados e deleitar ao público cun pregón a cargo de Estíbaliz Veiga que é unha actriz veciña nosa que se prestou este ano a facer o pregón e darlle con iso a súa relevancia a esta feira. Despois teremos a degustación en distintas variedades, por un lado vai estar a nosa ración clásica que é a que mantemos case dende o inicio, que se compón de bonito asado, bonito cocido e empanada de bonito, e poderíamos engadirlle unha tapa de salpicón. O domingo poderemos disfrutar dun marmitako, que non é o marmitako ao uso senón que ten a peculiaridade de que o facemos con peixe asado da feira, entón ten o seu gusto particular, é un marmitako diferente. Para complementar imos ter pola mañá a actuación dunha charanga e pola noite un concerto de José Manuel Budiño, patrocinado dende a Delegación de Cultura do Concello. Tamén teremos a actuación do grupo Correcaminos Rock and Roll Band, que para nós teñen un punto de conexión dado que parte dos seus integrantes se criaron en Burela. O domingo teremos a entrega de premios do certame de pintura e, durante a sesión vermú, vaise presentar o Festival Osa do Mar. Este ano a Feira do Bonito estréase como feira de interese turístico nacional”.
Ao acto celebrado na praza de abastos, ao que seguiu unha pequena degustación de bonito, asistiron a alcaldesa de Lugo, a subdelegada do Goberno, deputados e deputadas provinciais, ademais de representantes de Absa, da OPP e os concelleiros bureleses de Turismo e de Cultura.