Alfoz, 27 de xullo de 2019. Durante a xornada do sábado 27 de xullo celebrouse en Alfoz a 4ª edición do Maratón de Pintura ao Aire Libre no que participaron 22 pintores de todas as idades dentro de dúas categorías, unha infantil ata 16 anos e outra sénior. A técnica e as medidas dos traballos foron libres, non así a temática que obrigatoriamente tiña que ser referida ao concello de Alfoz, podendo reproducir calquera motivo, monumento ou paisaxe do termo municipal.
O xurado, composto por Xosé Blanco, Hipólito Xeada e Pedro Cabarcos, estableceu o primeiro premio na categoría sénior para o leonés Juan Ramón Alves Fernández; segundo premio para o guipuzcoano Óscar García Guisasola; e terceiro premio para a ovetense Rosa Manzano Gonzalez. O premio para a mellor artista local foi para Mª Jesús Martínez García.
Na categoría infantil o primeiro premio foi para Ana Merino Fernández, segundo premio para Pablo Martínez Fernández e terceiro premio para Alejandra Martínez Fernández, todos procedentes de Barcelona. O premio a mellor artista infantil foi para Lidia Expósito.