Viveiro, 26 de xullo, 2019. Viveiro atópase nunha situación urbanística que non pode continuar por máis tempo.
O noso Concello está perdendo o tren do crecemento e a rehabilitación urbana, tren no que si que se atopan concellos do noso entorno.
No ano 2006, suspendéronse con acerto as Normas Subsidiarias de Planeamento
Municipal de Viveiro, que levaban ao noso Concello a un crecemento
desproporcionado e completamente desordenado. As normas realizadas no ano 1978 provocaron a situación na que nos atopamos na actualidade.
O Decreto 102/2006 coas modificacións introducidas no Decreto 89/2010 rexen na actualidade o urbanismo de Viveiro. Estas normas están configuradas de forma temporal, mentres non se aprobaba o PXOM por parte do noso Concello.
Dende a aprobación do Decreto 102/2006 pasaron nada máis e nada menos que 13 anos, tempo político, no que se realizou a aprobación inicial do PXOM o 14 de abril de 2011. Esta aprobación inicial supuxo a apertura dun período de alegacións, foron moitas as veciñas e veciños, que presentaron alegacións que a día de hoxe 8 anos despois, seguen sen resposta. A resposta ás alegacións é de obrigado cumprimento para poder chegar ao seguinte paso de aprobación provisional do PXOM, e aínda está pendente.
Durante os últimos anos, primeiro as trabas da Dirección Xeral de Patrimonio e logo as de Augas de Galicia, xunto con certo desinterese do Goberno Municipal, “retrasaron” a aprobación provisional do PXOM.
Son moitas as veciñas e veciños, que viron durante estes anos truncados os seus desexos de utilizar as súas parcelas para os usos urbanísticos habituais.
Dende a última reunión da comisión de seguimento do PXOM, ningún avance se ten informado e continuamos nunha situación de estancamento. Así mesmo os
constantes retrasos na aprobación provisional supoñen un incremento do coste dos traballos do equipo redactor, que o Goberno Municipal ten que explicar para coñecemento das veciñas e veciños.
Dende POR VIVEIRO entendemos a necesidade urxente de que Viveiro conte cunha normativa de ordenación urbana acorde a este século e saír da provisionalidade.
E por isto que propoñemos ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do
seguinte acordo:
1. Convocar a comisión de seguimento do PXOM durante a segunda semana de
Agosto do 2019, co obxectivo de obter toda a información sobre o estado da
tramitación do Plan.
2. Convocar a comisión de seguimento do PXOM a primeira semana de cada mes
ata a aprobación provisional co obxectivo de facer un seguimento mensual da
información e tramitación do PXOM e impulsar a súa aprobación.
3. Instar ao Goberno Municipal a traballar para aprobar provisionalmente o
PXOM durante o ano 2019.