Ribadeo, 26 de xullo de 2019. Debido ao mal tempo o tradicional concerto do Día da Patria a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo trasladouse onte, xoves, ao Teatro ribadense, que estivo ateigado de público. Durante o evento David Ballester Martínez foi homenaxeado ao cumprirse dez anos como director desta formación musical. Antes de empezar a actuación no Teatro foi despregada unha gran pancarta para lembrar ese décimo aniversario e na última parte do concerto David Ballester recibiu un agasallo dos compoñentes da Banda. O obsequio foille entregado polo segundo director, Rubén Solloso Irimia, que estivo ao fronte da Banda ribadense nalgunhas das pezas que interpretaron neste concerto, nas que participaron alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.
A Banda ribadense tocou onte estas pezas: Os teus ollos, de Xosé Castro Chané e con arranxos de Hernán Naval; O Chopo, de Manuel Iglesias; Nidito feliz, de Maestro Marino; Rosalía, de Xanxo Rei e Sergio Rodríguez; Convergence, de Larry Clark; Muiñeira dos Pendellos, de Juan Lois Diéguez; Return of de vikings, de Bert Appermont; Mistyc Legacy, de Larry Clark; e Banda galega, de Felisindo Pérez Seara. O concerto rematou coa interpretación do himno galego.