Ribadeo, 24 de xullo de 2019.- Os consignatarios do porto comercial de Mirasol, en coordinación cos distintos servizos da Xunta de Galicia, levan semanas traballando cunha empresa de control de pragas ao obxecto de avaliar e aplicar distintos tratamentos nos espazos portuarios.
Nun primeiro momento identificaron o insecto causante, que é unha mosca de substrato, da familia Sciaridae, dípteros con alas, de entre 2 e 4 milímetros, que non supoñen un problema de saúde pública pero si causan molestias, en especial as vivendas e establecementos da contarna.
A empresa encargada dos traballos aclara que non foi posible identificar que a madeira acumulada fora o foco da praga, aínda que o sistema de almacenamento si pode ser, polas características de humidade, un espazo óptimo para a súa alimentación e reprodución.
Como consecuencia desta avaliación inicial procedeuse a aplicar varios tratamentos de control despois dos que xa se ten constado unha redución importante da poboación de moscas. A previsión é realizar inspeccións constantes para evitar a reinfestación da zona.
Desde a administración autonómica explican que se autorizou a aplicación dun tratamento para o control do ciclo reprodutivo destes insectos, que ofrece totais garantías para o medio acuático próximo, e maior seguridade para o medio ambiente, as persoas e a madeira.
A aplicación dos tratamentos realizouse tanto nos espazos á intemperie como na zona do almacén cuberto. Non obstante, continúan realizando avaliacións periódicas dirixidas a completar o seguimento da praga, previstas durante as próximas semanas.
Finalmente, desde a Xunta de Galicia lamentan que o Concello de Ribadeo siga unha estratexia dirixida a botar balóns fóra en relación con esta praga e insisten en que dado que non está identificado o foco emisor, sería importante, por non dicir imprescindible, que o Concello aplicase tratamentos similares en zonas da súa competencia.
De feito, espazos con augas estancadas e sumidoiros, por ser ambientes húmidos e escuros, son ámbitos ideais para a crianza e alimentación das moscas e das súas larvas e sobre os mesmos sería preciso aplicar os correspondentes tratamentos.