Declaración do BNG sobre a imputación do Alcalde e da Xunta de Goberno de Barreiros
NOTA DE PRENSA
Os nacionalistas pediranlle a Feijoo que explique que lle parece a presenza de políticos imputados por prevaricación ao fronte dun Concello
O BNG solicita que o PP aclare se segue a apoiar ao Alcalde de Barreiros
O Bloque Nacionalista Galego vai solicitar que os responsábeis galegos e provinciais do Partido Popular que aclaren se seguen apoiar aos membros da Xunta de Goberno e ao Alcalde Barreiros imputados pola fiscalía por un posíbel delito de prevaricación ao proceder a conceder licencias urbanísticas co informe desfavorábel da Secretaría do Concello. Os representantes do Partido Popular que acudiron a Barreiros en 2006 a avalar a xestión urbanística do Grupo de Goberno deben aclarar agora se seguen a apoiar ao seu grupo de goberno, unha vez que aparece imputado pola fiscalía por un delito de prevaricación. A dirixencia popular tenlle que explicar aos galegas e as galegas se dá por boas este tipo de prácticas e que lles parece a presenza na vida pública de persoas que segundo o ministerio fiscal cometeron delitos susceptíbeis de responsabilidade penal.
O Alcalde e a súa Xunta de Goberno sabían que estaban concedendo as licenzas sen os informes positivos da secretaría municipal
Os nacionalistas queremos denunciar o intento que por parte do Alcalde de Barreiros se pretende levar a cabo nunha dupla vía de amedrentar a xustiza e confundir aos veciños. Non é de recibo que o Alcalde de Barreiros afirme agora que non era coñecedor no momento de conceder as licencias de que podía estar a incorrer nun delito de prevaricación cando procedeu a concedelas, con informes desfavorábeis de secretaría, informes por outra banda preceptivos segundo a lexislación de aplicación. A maior abonamento debese ter en conta que a nosa lexislación penal veu definindo tradicionalmente a prevaricación como un delito que se substantiva na realización de actos administrativos que non se axustan a dereito. Neste sentido debemos reparar que todos os membros da Xunta de Goberno recoñeceron publicamente que eran coñecedores no momento da concesión das licencias da existencia dos informes xurídicos desfavorábeis.
O problema non e que fiscalía actúe senón no proceder do goberno municipal que prescindiu do procedemento legal para outorgar as licenzas
Noutra orde non é tolerábel que por parte dunha administración, neste caso o Concello de Barreiros, se pretenda proceder a meter medo ao ministerio público, posto que incluso o Alcalde e a Xunta de Goberno de Barreiros, teñen que estar sometidos a lei. O problema non é que a Fiscalía realice o seu traballo, o problema onde está é na actitude de quen procedeu a actuar prescindindo do procedemento legalmente establecido. A irresponsabilidade destes señores abre outro fronte xudicial en Barreiros porque a maiores das causas hoxe abertas na xurisdición do contencioso administrativo, iniciase outra causa no ámbito penal. Isto é que a maiores de que os xulgados deben determinar a nulidade ou non dos actos administrativos polos que se conceden a licenza, algo que xa estaban a facer, agora vaise determinar en sé xudicial os delitos nos que puideran incorrer os membros da Xunta de Goberno de Barreiros pola concesión das mesmas.
Os dirixentes do Partido Popular deben posicionarse sobre este asunto e de non ser así o BNG esixirallo no Parlamento
O Bloque Nacionalista Galego considera que non é de recibo o silencio do Secretario e do Presidente do PP en Lugo e tampouco do Secretario e do Presidente do PP en Galiza. Aínda máis este silencio significa que dan por bo este comportamento, o que choca co mesmo código ético do PP que defende apartar dos cargos públicos aquelas persoas que aparecen imputadas. Os nacionalistas non estamos dispostos a que a vida pública se converta nunha cloaca nin a contribuír ao descrédito da mesma algo ao que contribúe manter en cargos de representación pública a persoas que están imputadas. Neste sentido se os responsábeis políticos do PP se negan a dar explicacións e contestacións a cidadanía, o BNG solicitará na cámara autonómica explicacións do Presidente da Xunta e do Conselleiro da presidencia para que explique aos galegos que lle merecen este tipo de prácticas