Ribadeo, 17 de xullo de 2019. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo esixe unha solución inmediata ante o mal olor que desprenden os colectores do lixo. A vicevoceira popular, Elena Sierra, pon de manifesto “o insoportable olor que apreciamos todos os ribadenses aos pasear polas rúas de Ribadeo”.
Os populares cren que “o Goberno local debe actuar con rapidez ante esta indesexable situación que estamos a vivir durante o verán, precisamente cando máis visitantes se achegan á nosa vila. Os veciños merecemos un Ribadeo limpo e queremos que os nosos visitantes leven unha boa impresión do noso municipio”.
Nese sentido, dende o Grupo Popular na corporación ribadense propoñen a elaboración dun novo plan municipal de residuos co obxectivo de evitar estes desagradables problemas de mal olor. Cun novo plan municipal tamén se podería mellorar a xestión da limpeza e da recollida de residuos.
Os populares anuncian, neste sentido, a presentación dunha moción para debater sobre o novo plan municipal de residuos na vindeira sesión plenaria da corporación municipal para a que agardan “conquerir o consenso de tódolos grupos municipais. Entendemos que este tipo de plans deben contar co visto bo de tódolos grupos que representan a tódolos ribadenses”, conclúen.