Viveiro, 15 de xullo, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro vén de dirixir un rogo á alcaldesa socialista a través do que pide ao Concello que actúe coa maior rapidez posible na vías municipais e, deste xeito, limpe e desbroce as estradas e mellore tamén a sinalización, que en casos mesmo se atopa cuberta pola maleza. Dende o Partido Popular entenden que facer “un labor de prevención adecuado tanto en tempo como en forma supón unha garantía de seguridade e unha mellora na calidade de vida dos nosos veciños”.
Os populares precisan que a competencia municipal en materia de vías públicas alcanza tanto infraestruturas urbanas como rurais sendo obrigación das entidades locais “mantelas en bo estado de conservación”. Así, “son moitos os veciños e veciñas das zonas rurais, como dalgunhas urbanas, que nos trasladan as súas queixas dado que o Concello non acometeu en tempo nin de xeito adecuado a correspondente limpeza de cunetas así como as tarefas de desbroce necesarias”, precisan.
Dende o Grupo Municipal Popular alertan do perigo que esta situación supón tanto para os condutores como para os viandantes. A invasión de maleza nas vías públicas reduce a visibilidade, ademais de que a maioría dos camiños da zona rural non teñen beirarrúas polo que os viandantes utilizan a calzada, “sendo conveniente que estea no mellor estado posible”.
Informe de todas as vías rurais
Polo tanto, os populares a través do seu rogo piden unha revisión, co correspondente informe elaborado por persoal cualificado, do estado das vías rurais do Concello no que refire tanto á situación da maleza como da sinalización vertical dos camiños. Solicitan que se dea coñecemento deste informe a todos os grupos políticos.
En base a este informe, o Grupo do PP roga ao Concello que proceda á limpeza inmediata das estradas e camiños que sexan de responsabilidade municipal, así como á restauración e colocación daquelas sinais verticais de circulación, que se atopen en mal estado, tapadas pola vexetación ou en algúns casos non existan. En canto ás vías en mal estado por cuestión de maleza ou sinalización e que non sexan competencia do Concello, os populares solicitan que a alcaldía se dirixa a administración responsable para que realice as actuacións necesarias.