Burela 9-7-19. Despois de 36 anos de vida como entidade asociativa, o Colectivo Cultural Buril despídese definitivamente coa esperanza de ter sido unha ferramenta útil e de ter contribuído a encher un oco no asociacionismo cultural en Burela.
O Buril inscríbese oficialmente no rexistro provincial de asociacións o 17 de novembro de 1983 e celebra a súa primeira asemblea xeral en xaneiro de 1984. O 22 de marzo de 2019, tras tres anos de cese indefinido da actividade e imposibilidade para renovar a Xunta Rexedora do colectivo, acórdase en asemblea xeral a disolución do C.C. Buril, quedando inscrita a súa disolución no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galiza, con data de resolución do 27 de maio de 2019.
Xunto coa súa disolución, as socias e socios do colectivo, acordan solicitar ao Concello de Burela a custodia dos fondos documentais do C.C. Buril, así como doar o seu patrimonio económico a distintas entidades de carácter social que desenvolvan a súa actividade en Burela, entre as que se atopan a Asociación Camiña, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña e AFAN. Mediante resolución do 21/05/19, o Concello acepta a custodia dos fondos do colectivo no Arquivo Municipal, Biblioteca Pública ou nas dependencias que o Concello estime oportunas e que reúnan as condicións apropiadas para a correcta conservación e localización dos citados fondos, polo interese que podan ter para o estudo do asociacionismo e da Historia Local.
O Buril mantivo unha programación continuada entre os anos 1984 e 2016, con momentos de maior actividade e con algunha pausa puntual froito do relevo na súa xestión. Ao longo destes anos pasaron polo colectivo decenas de persoas que realizaron numerosas actividades de temáticas diversas, tendo todas elas como común denominador a defensa e posta en valor do idioma e da cultura galega, así como o “traballo a favor de toda manifestación cultural en calquera dos seus ámbitos”, como recollen os seus estatutos. A historia do colectivo pode resumirse a grosso modo en 3 etapas principalmente, onde destacan entre outras, as actividades que a seguir se detallan.
Unha primeira etapa podemos situala entre os anos 1984-1998, e nela cabe sinalar como actividades máis relevantes a publicación da revista “O Trasno” entre os anos 1985 e 1990 e a programación das “Xornadas de Teatro”, realizadas entre 1987 e 1998, sen esquecer todas as actividades realizadas en torno á organización do Entroido: realización de xincanas, o enterro da sardiña ou a recuperación da tradición de “correr a auga” nos barrios de Vila do Medio e “Calle do Can”.
A segunda etapa poderiamos enmarcala entre 1999 e 2008, onde destaca o traballo de recuperación da historia local coa escolma de imaxes que conformaron o arquivo gráfico e deron lugar á exposición e publicación do libro “Burela na memoria” por unha banda e á realización do documental audiovisual “O Entroido na memoria” por outra banda. Tamén hai que salientar distintas actividades dirixidas á mocidade como os festivais “Pataka Rock” (2001) e o “Festival Pataca” (2008).
A terceira e última etapa sería a comprendida entre 2009 e 2016. Nestes anos xurdiron novas actividades vinculadas á lingua desde unha perspectiva reintegracionista, conferencias sobre distintas materias, debates, presentacións de libros… Podemos salientar algunhas propostas como a celebración do Ano Novo pola “hora galega”, o “Aberto do Bonito” de bolos celtas e billarda, as “Xornadas de Historia Local”, o “Maratón de Lectura”, actividades sobre as pinturas góticas da Vila do Medio, ou propostas sobre memoria histórica democrática en relación á Rúa do bispo Eijo Garay. Xunto a este programa de actividades, tamén se fixo un traballo de posta en valor das actividades máis destacadas das etapas anteriores, como a reedición facsímile da revista “O Trasno” ou a dixitalización do documental audiovisual “Burela na Memoria”, así como a recuperación das “Xornadas de Teatro”.