NOTA DE PRENSA:
Os populares, satisfeitos co anuncio de licitación de obras no Hospital.
Para o PP, “os que decían, e din, que o Hospital perdería servicios, deberían pensalo antes de decilo”.
Con esta obra, a Xunta do PP leva investido en Burela nun ano o mesmo ca bipartita en catro.
O PP de Burela manifestou hoxe a través dunha nota de prensa a súa satisfacción polo anuncio de licitación de obras no Hospital da Costa, que veñen a confirmar o compromiso da Xunta co centro hospitalario, tal e como reiteradamente vén decindo o Partido Popular. Os populares lembran que estas actuacións son importantes para o Hospital polo que conlevan de millora da propia construcción do centro e da súa accesibilidade, e mesmo do seu funcionamento.
Os populares consideran que aqueles que decían, e o seguin a decir, que o Hospital perdería servicios, deberían pensar as cousas antes de decilas. E neste senso facemos especial fincapé no que o alcalde de Burela e a teniente de alcalde din reiteradamente na prensa e tamén nos plenos do concello sobre o asunto do Hospital, buscando a confrontación directa coa Xunta. Por certo, resulta chocante que o alcalde de Burela está en todas as plataformas anti-Xunta, pero non o vemos esixirlle a Fomento que se comprometa en prazos para o corredor Barreiros-San Cibrao.
O PP destaca que o investimento nas obras do Hospital, superior ós cen millóns das antigas pesetas, sumado ó investimento do campo de fútbol da Marosa, xa en obras, supón xa, nun ano de goberno autonómico do PP, o total do investimento da Xunta bipartita en proxectos propios en catro anos, e exceptuando as obras en Portos.
Finalmente, o PP de Burela lembra que ninguén lle pode negar ó PP o seu compromiso pola sanidade pública, porque foi o PP, no concello e na Xunta, quen levou a cabo as dúas obras máis importantes dos últimos anos en materia sanitaria, a ampliación do Hospital e o Centro de Saúde.