Cervo, 04 de xullo de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou aos integrantes do segundo Campus de Baloncesto EntreNos, que se celebra en San Cibrao (Cervo) entre o 30 de xuño e o 6 de xullo coa participación de 80 rapaces e rapazas de distintas provincias galegas.
Balseiro estivo acompañado polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o concelleiro de Deportes, David Rodríguez e membros da organización. O delegado territorial valorou que se trata dunha iniciativa que promove a práctica do deporte e a convivencia entre os máis novos -participan mozos e mozas nacidos entre 2002 e 2009-. Ademais, destacou que a implicación de xogadores e xogadoras profesionais contribúe a “incentivar aos rapaces e rapazas para que sigan practicando deporte”, dado que estas figuras “son moitas veces o espello no que se miran para seguir crecendo como deportistas e como persoas”, algo “moi positivo”, dixo, “xa que representan un exemplo de esforzo e superación”.
A iniciativa está organizada pola asociación cultural e deportiva ‘Entrenós’ e conta coa colaboración da Xunta, co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e do departamento autonómico de Igualdade e, ademais, pon á súa disposición o recinto do CEIP Península da Paz, onde están instalados os participantes en réxime interno durante a súa estancia en Cervo.
O campus complementa a práctica do baloncesto con outras actividades deportivas e visitas culturais pola zona durante toda a semana, incluído instalacións municipais cedidas ao efecto polo Concello de Cervo.