Ribadeo, 4 de xullo de 2019. Daniel Vega, designado voceiro do Grupo Municipal do PP en Ribadeo na sesión plenaria para a organización da Corporación ribadense, explica que “votamos en contra da aprobación dunha dedicación exclusiva para un concelleiro ademais do propio alcalde”. Os populares lamentan que “o Goberno do BNG pretenda xustificalo pola complexidade da xestión municipal nun Concello con amplos servizos e que viu incrementada a súa poboación” cando “todos sabemos que Ribadeo descendeu en número de veciños e veciñas nos últimos anos e, por iso, tamén diminuíu o número de concelleiros na Corporación Municipal dende os 17 aos 13”.
Os populares consideran “lóxico” que “o alcalde teña un salario por dedicarse á actividade propia da alcaldía”; pero amosan a súa desconformidade “coa xustificación do equipo de Goberno do BNG para a segunda dedicación exclusiva a conta do Concello e, polo tanto, dos veciños e veciñas”.
Sesións plenarias cada mes
O Grupo Municipal Popular cre que “se o noso municipio constitúe unha destacada entidade poboacional; tamén o Pleno da Corporación debería celebrar unha sesión ordinaria ao mes para abordar cuestións de interese para os ribadenses nos distintos ámbitos. Isto demostraría a calidade democrática municipal”, apunta Vega.
Grupo Municipal do PP de Ribadeo
Integran o Grupo Municipal Popular en Ribadeo, ademais de Daniel Vega, as concelleiras Elisa Rodríguez, Begoña Sanjurjo e Elena Sierra que tamén será vicevoceira.