Lugo, 4 de xullo, 2019. Os populares da provincia instan á Deputación á iniciar xa o desbroce das estradas da súa titularidade. Os alcaldes e voceiros do PP esixen deste xeito medidas ao respecto, pois a falta de limpeza da maleza que medra ao carón dos viais pode conlevar o aumento do risco de incendios e a redución da visibilidade que pode ser o desencadeante dalgún accidente de tráfico. A isto súmase, engaden, a imaxe “de abandono e descoido” que se transmite nesta época aos visitantes en zonas de máis reclamo turístico, como poden ser A Mariña ou a Ribeira Sacra.
Dende o PP consideran, por tanto, que a situación “é insostible”, xa que moitas vías “máis que estradas, parecen selvas”; de aí que esixan con carácter de urxencia que o organismo provincial acometa os traballos indicados.
A Deputación xestiona 4.200 quilómetros que, en plena época estival, aínda non están limpos. Non acontece así, indican, coas estradas da Xunta de Galicia que ou xa están desbrozadas ou se están a acometer os traballos.
Para os populares “non serven escusas, nin serve que exista un goberno en funcións, nin que houbese baixas nos procesos de contratación, por exemplo. É responsabilidade política e administrativa dos dirixentes actuais resolver os problemas que se ocasionasen e manter as vías da súa propiedade en boas condicións”, afirman. E é que “non é de recibo”, aseguran, que “iniciado o mes de xullo as estradas se atopen neste estado de abandono”.
Propostas do PP
Este non é o primeiro ano que se producen retrasos por mor “do desleixo” dos dirixentes provinciais. O PP, en previsión e co fin de anticiparse a esta situación, xa en 2017 presentou diversas propostas de resolución e de rogos en Pleno, para pedir ao equipo de goberno a axilización do procedemento de contratación das obras de desbroce, así como o inicio de execución das mesmas. Con todo, e a día de hoxe, os socialistas aínda non corrixiron “esta forma de actuar, provocando con elo que as estradas sexan intransitables nesta época”.
Máis información sobre o contrato na seguinte ligazón: https://contrataciondelestado.es/wps/poc?uri=deeplink%3Adetalle_licitacion&idEvl=YqanoC6Rmdirz3GQd5r6SQ%3D%3D