Lugo, 2 de xullo de 2019. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deu a benvida hoxe aos gardas civís que farán na provincia de Lugo as prácticas coas que completarán a súa formación.
Isabel Rodríguez, que estivo acompañada polo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, saudou a unha pequena representación dos 21 gardas civís en prácticas destinados á nosa provincia, que se incorporan coincidindo coa Operación Verán
A subdelegada deulles a benvida e desexoulles o maior aproveitamento do tempo no que completarán aquí a súa formación. Lembroulles que, aínda que Lugo se mantén a cabeza nas taxas de seguridade, o labor que ten encomendado a Garda Civil para a protección da comunidade é fundamental.
Tamén explicou que coa súa incorporación en prácticas ao servizo os novos axentes actuarán como reforzo nos distintos cuarteis, precisamente nun momento no que comezan as vacacións de verán, coa conseguinte afluencia de visitantes e de peregrinos, así como as numerosas festas que teñen lugar na provincia fai máis necesario este reforzo.
A subdelegada do Goberno destacou que este ano aumenta o número de gardas civís destinados a Lugo para facer as súas prácticas. Son dous máis que en anos anteriores, procedentes tanto da Academia de Baeza (que chegaron a semana pasada), como do Colexio de Valdemoro (que se incorporaron onte) e están distribuídos en 14 cuarteis da provincia.
Concretamente, foron destinados aos postos de Burela, Chantada, Mondoñedo, Monforte, Palas de Rei, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Castro de Rei, Foz e Becerreá.
Tres dos 21 axentes que completarán aquí a súa formación son mulleres. A maioría deles son orixinarios da provincia de Lugo, pero tamén hai algúns de Asturias, A Coruña, Madrid e Barcelona.
Os gardas civís de prácticas darán apoio nos distintos cuarteis e completarán a súa formación ata setembro de 2020.
A subdelegada anunciou ademais que nos próximos días darase a benvida aos policías de prácticas que se van incorporar de novo este ano á nosa provincia.